Dende o 10 de xuño a xefatura provincial de Tráfico só atenderá aos cidadáns con cita previa
Por Redacción
A partir do próximo 10 de xuño, as Xefaturas de Tráfico de Galicia atenderán con cita previa aos cidadáns que acudan ás devanditas dependencias a realizar calquera trámite relacionado con vehículos, condutores, sancións e outros. Por este motivo, e adiantándose ao día no que a atención con cita previa é obrigatoria, a DGT habilitou a súa páxina web e o teléfono 060 para que os cidadáns que teñan que acudir nos próximos días a algunha das Xefaturas provinciais e oficinas locais, poidan dende o próximo día 3 solicitar a súa cita.
Nun comunicado emitido pola DGT explícase que este novo servizo está "en liña coa reforma impulsada polo Goberno de achegar a Administración aos cidadáns", e que se trata de "un paso máis na mellora de servizo que se lles ofrece, evitándolle esperas innecesarias, aforro de tempo e axilización dos trámites a realizar".
Ademais da de Pontevedra, a cita previa aplícase así a todas as Xefaturas da DGT en Galicia: A Coruña, Lugo Ourense, Vigo e Santiago.