22 patrullas militares finalizan con éxito a Tui-Santiago no seu ano con máis participación
Por Redacción
22 das 24 patrullas que este ano participaron na edición máis numerosa do Concurso de Patrullas Tui - Santiago que organiza a Brigada de Infantaría Lixeira Galicia VI (Brilat) remataron con éxito o reto que se marcara: percorrer 120 quilómetros en menos de 36 horas ao tempo que superaban sete probas.
O primeiro equipo rematou o percorrido en tan só 22 horas e 20 minutos e a excepción dos dous grupos que non lograron chegar á praza do Obradoiro todos os demais alcanzaron o final antes das 36 horas establecidas como límite. A última patrulla rematou sobre as 19.30 horas deste mércores tras saír de Tui ás 7.30 horas do martes.
Despois dunha noite de merecido descanso no campamento establecido no Monte do Gozo de Santiago, os participantes acudiron este xoves á Misa do Peregrino, tiveron a opción de recoller a 'Compostela' que se leva todo peregrino e participaron no acto de clausura que presidiu o xeneral da Brilat, Luis Cebrián Carbonell.
O xeneral dedicou a todos os participantes desta edición do concurso (a de máis participación, máis diversificada e a primeira internacional) palabras de eloxio polo esforzo realizado e oficializouse a clasificación final. Unha vez puntuados os resultados das sete probas realizadas e o tempo investido no Camiño, o ránking encabezouno o Batallón Bilat San Quintín da base de Asturias da Brilat.
A Brigada Paracaidista quedou no segundo posto e o terceiro foi para o Grupo de Artillaría da Brilat, que foi a patrulla que este ano bateu o récord temporal e chegou ao Obradoiro ás 5.50 horas do segundo día da proba.
Nesta edición participou por primeira vez unha patrulla internacional, do Corpo de Marines de Estados Unidos. Os soldados estranxeiros non quedaron entre os mellor clasificados, pero si remataron a proba e deixaron un balance positivo da súa participación. Tampouco quedaron na parte alta da táboa a única patrulla feminina nin as dúas mixtas.
Relacionadas:
-
E menos de 24 horas despois... a Catedral dálles a benvida
Por Natalia Puga |
-
25 patrullas de 15 unidades militares de España e USA percorrerán o Camiño de Santiago
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Os artilleiros da Brilat rompen os cronómetros e chegan de Tui a Santiago en 22 horas e 20 minutos
Por Natalia Puga |
-
Nin a chuvia os detén: peregrinación militar a todo gas a Santiago
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Tui-Santiago da Brilat internacionalízase cunha patrulla de Marines de USA
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |