A DGT inicia unha campaña especial de vixilancia de alcohol e drogas nas estradas pontevedresas
Por Redacción
A partir deste luns, a Dirección General de Tráfico (DGT) pon en marcha unha campaña especial de control da taxa de alcoholemia e do consumo de drogas entre os condutores que circulen polas estradas pontevedresas. Trátase dunha iniciativa que se estenderá ata o vindeiro domingo 8 de xuño.
Durante toda a semana, a Garda Civil potenciará a colaboración cos concellos para efectuar controis en zonas urbanas, con especial incidencia nos lugares onde se concentra o lecer nocturno.
Nun comunicado, a DGT recorda que o alcohol é un factor concurrente ou determinante nun terzo dos accidentes mortais de circulación. A súa presenza na condución multiplica entre dúas e 15 veces os riscos de sufrir un accidente de circulación ademais de ser un factor agravante das súas consecuencias.
Así, no ano 2013, as análises toxicológicos realizados a condutores falecidos en accidentes de tráfico revelaron que un 43,09% deles presentaban unha taxa de alcohol etílico en sangue superior a 0,3 g/l, unha porcentaxe que crecía ata o 44,10% no caso de peóns falecidos pola mesma causa.
A nivel nacional, desde 2001 a DGT detectou un cambio de comportamentos dos hábitos cidadáns que tivo un reflexo en forma de descenso significativo dos positivos detectados en controis de alcoholemia. En concreto, en España pasouse do 5% inicial ao 1,7% dez anos despois e o obxectivo da DGT é baixar do 1% nos controis preventivos.
En Galicia, os controis preventivos que se realizaron nos catro primeiros meses de 2014 manteñen a porcentaxe de 1,7% de positivos.