Terceiro preconcurso de acredores para Factoría Naval
Por Redacción
Factoría Naval de Marín volveu entrar en preconcurso de acredores. ÿ a terceira vez en catro anos e o estaleiro viuse abocado a solicitalo despois dun intento infrutuoso de alcanzar un acordo coa banca acredora.
A empresa presentou esta semana a solicitude de preconcurso, que recaeu no Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra, coa intención de aproveitar esta figura xudicial para alcanzar un acordo cos bancos e, desta forma, seguir adiante co seu plan de viabilidade.
A negociación entre o estaleiro e a banca acredora comezou en decembro de 2013, cando unha Xunta Xeral de Factoría de Naval analizou a situación financeira e, segundo explicou nun comunicado emitido este mércores, decidiu o inicio de negociacións.
A empresa explica que realizou propostas de refinanciamento da débeda. Non obstante, tras seis meses de negociacións, e a pesar do "esforzo realizado no proceso", non foi posible ata o momento chegar a un acordo. Non lograron a disposición das pólizas de crédito habilitadas no acordo marco asinado en abril de 2012.
NOVO ERE
A dirección do estaleiro informou os traballadores da posta en marcha dun Expediente de Regulación de Emprego que afectará ás 23 persoas que compoñen actualmente o equipo e que terá unha duración de doce meses.
A mesa negociadora constituirase a próxima semana e en quince días agardan completar a negociación.