Un total de 39 actividades de lecer e tempo libre forman parte de Ponteverán 2014
Por Alejandro Espiño
A partir do 10 de xuño poderán presentarse as solicitudes para participar nas 39 actividades que compoñen a nova edición de Ponteverán, un programa de lecer e tempo libre destinado aos mozos pontevedreses. Durante os meses de xullo e agosto, todas aquelas persoas que teñan entre 8 e 35 anos, poderán apuntarse a algunha das súas propostas, deseñadas especialmente para todos aqueles que non poden ou non queren saír da cidade no verán.
A principal novidade deste ano, segundo o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez Junquera, é este sistema de preinscripción na maior parte das actividades "para eliminar colas e problemas" que se rexistraron na edición pasada. Poderanse facer a través da páxina web da concellaría ou ben presencialmente nas súas oficinas, situadas na Casa Azul.
Terán prioridade todas as persoas empadroadas en Pontevedra e haberá prazas reservadas para usuarios dos servizos sociais municipais. Ademais, haberá descontos para familias numerosas nas actividades de pago, oito este ano, "aínda que con prezos non moi elevados", sinalou Demetrio Gómez, para que sexan accesibles para todos os pontevedreses "independentemente da situación económica das familias".
Parte deste custo asumirao o propio concello. O concelleiro nacionalista puxo o exemplo dos dous campamentos previstos no Parque Natural do Xurés. Cada praza ten un custo de 318 euros, dos cales os mozos que participen só deberán abonar 80. O mesmo ocorre, por exemplo, cos cursos de iniciación ao piragüismo ou á escalada, as rutas en kaiak de mar ou o torneo de fútbol 7.
Todas elas forman parte das actividades culturais e deportivas no medio natural, como unha das grandes novidades deste Ponteverán 2014, a estadía multiaventura na Ruta de Pedra e da Auga de Armenteira (Ribadumia e Meis). Haberá propostas tamén de obradoiros formativos e de lecer. Entre eles destaca unha actividade musical que tratará de conformar un grupo estable de cantantes afeccionados que adaptarán éxitos do pop e o rock a un formato de coro moderno.
A programación completa de Ponteverán 2014, cuxo orzamento ascende a 40.000 euros, pódese consultar neste enlace.
Para máis información: xuventude@pontevedra.eu ou no teléfono 986 840 367.