Doentes de Marín e Bueu poderán ser asignados a partir de agora ao hospital vigués de Povisa
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Consello da Xunta autorizou este xoves ao Servizo Galego de Saúde a firma do novo concerto con Povisa. O hospital vigués farase cargo, durante os próximos oito anos, da asistencia dun máximo de 139.000 persoas, recibindo a cambio 540 euros por cada paciente asignado e será de libre adscripción. Pero a novidade que inclúe este acordo é que se permitirá derivar a el a doentes adscritos aos centros de saúde de Bueu e Marín.
Así o explica a Xunta de Galicia nun comunicado. En todo caso, sinala a administración autonómica que os que non queiran ir a Povisa, quedarán asignados ao Complexo Hospitalario de Pontevedra como ata agora. Por agora descoñécese como se levará á práctica este mecanismo que, segundo sinala o Executivo de Feijóo, está recollido na recente lei de garantías de prestacións sanitarias.
Esta medida, que segundo a empresa Nosa Terra, administradora do hospital, nin sequera lles foi comunicada previamente, xerou certo enfado en Pontevedra.
"Isto vai na liña de diminuír o peso do sector público na Sanidade", reaccionou o alcalde de Pontevedra
"Esto non ten nin pés nin cabeza", reaccionou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tras coñecela nova.
"Isto vai na liña de diminuír o peso do sector público na Sanidade", valorou o rexedor convencido de que "o que se está é reducindo os servizos no sector público en detrimento da calidade da asistencia, mesmo nos dereitos dos traballadores". "Hai que loitar contra isto", apunta Fernández Lores engadindo que "non ten sentido ningún tipo de concerto cun hospital privado, sobretodo para atender unha área determinada. E tampouco o vexo, con respecto a unha especialidade moi determinada".
"Adscribir unha poboación a un hospital privado, existindo centros públicos nos que están pendentes investimentos, vai na liña de beneficiar ao sector privado. Dende o punto de vista político, como alcalde e como médico sempre defenderei a sanidade pública universal e gratuíta", remachou o alcalde capitalino.
"Xa nada pode xustificar esta sucesión de medidas improvisadas, contraditorias e inexplicables", dixo Antón Louro
Un dos primeiros en exteriorizalo seu enfado foi Antón Louro, portavoz do PSdeG-PSOE na capital. Asegura que esta adscripción a Vigo de pacientes dos concellos de Marín e Bueu "é un novo golpe do Sergas, a Xunta de Galicia e o PP a Área Sanitaria de Pontevedra e á sanidade pública".
Con este novo reparto, denuncia Antón Louro, "os pontevedreses dispoñen dunha atención especializada que os reparte entre o CHOP, o complexo de Vigo e de Santiago, segundo as especialidades médicas de que se trate". E a este caos, di, "súmase agora que os veciños de Marín e Bueu, ás portas mesmas da capital da provincia, tamén poderán optar por seren atendidos en Povisa, un hospital privado que ten as maiores listaxes de espera de toda Galicia".
O portavoz do PSdeG-PSOE pontevedrés concluíu asegurando que "xa nada pode xustificar esta sucesión de medidas improvisadas, contraditorias e inexplicables que constitúen a xestión sanitaria do Partido Popular". A Área Sanitaria Pontevedra Norte, denuncian os socialistas, "é, sen dúbida, a peor tratada de toda Galicia".
"La noticia que sale en el día de hoy es por error y será corregida", asegura a alcaldesa de Marín
Pola súa parte, o voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira, recordou que durante o goberno bipartito do BNG e o PPdeG na Xunta de Galicia "mantiveron e incluso incrementaron os concertos con entidades privadas" tanto no ámbito sanitario coma no educativo, e resaltou que a sanidade segue sendo pública para os cidadáns: "o importante é que teñamos unha sanidade pública e que siga funcionando ben".
Finalmente a alcaldesa de Marín, María Ramallo Vázquez, asegura que os veciños de Marín seguirán a ser atendidos ao igual que os de Bueu no CHOP de Pontevedra como ocorre a día de hoxe. "La noticia que sale en el día de hoy es por error y será corregida, según lo que he podido saber por comunicación telefónica con la Conselleria de sanidad", afirmou a alcaldesa "por lo tanto todo sigue igual y en consecuencia nuestro Hospital de referencia seguirá siendo Montecelo".
Relacionadas:
-
A Xunta non contempla que se asignen doentes de Marín e Bueu a Povisa, anunciouno "por erro"
Por Natalia Puga |
-
O Sergas destinará máis de seis millóns á construción do Centro de Saúde de Marín
Por Redacción |
-
Protesta contra o "récord histórico" do peche estival de camas hospitalarias
Por Oskar Viéitez |