Extraditan a Alemaña a un mozo detido por traficar con drogas en Pontevedra
Por Natalia Puga
A Audiencia Nacional decretou a extradición a Alemaña dun mozo de 25 anos detido nos últimos días en Pontevedra por un delito de tráfico de drogas e en cuxa vivenda do casco histórico foi localizado un laboratorio de marihuana e distintas cantidades de heroína, cocaína e haxix. O home tiña vixente unha Orde Europea de Detención e Entrega (O.E.D.E.) decretada polo seu país de orixe e foi detido na mesma operación que un veciño da cidade que xa se encontra en liberdade provisional.
A investigación que desembocou na súa extradición, bautizada como 'operación Lander', iniciouse o 28 de maio, cando a Policía Local de Pontevedra puxo en coñecemento da Policía Nacional que tiña constancia de que un individuo de nacionalidade alemá que estaba a residir na zona vella de Pontevedra e podería dedicarse ao tráfico de drogas na cidade e usar unha identidade falsa.
Froito das indagacións realizadas polo Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes e a Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta da Comisaría Provincial e a Policía Local, o 4 de xuño estableceuse un dispositivo de vixilancia en torno ao seu domicilio e os axentes comprobaron que outro mozo lle recollía nun vehículo de alta gama. Tras circular por distintas rúas da cidade realizando manobras que poñían en perigo os demais usuarios da vía, o coche foi interceptado. Ao verse sorprendido, o mozo alemán intentou fuxir e abalanzouse sobre os axentes, que tiveron que reducilo para proceder á súa detención.
Xa na Comisaría, comprobouse que había vixente unha solicitude de auxilio xudicial procedente dun Xulgado de Alemaña que solicitaba que se realizasen xestións para intentar localizar unha persoa que puidese estar a residir en Pontevedra e sobre quen recaía unha orde de detención por un delito de tráfico de drogas cometido naquel país. Tamén se recibiu a citada O.E.D.E. sobre a mesma persoa, na que se especificada que estaba a ser buscado por un delito de tráfico de drogas cometido no ano 2013 en Alemaña, en cuxa investigación se incautaron distintas cantidades de haxix, marihuana e metanfetaminas e unha plantación de 73 plantas de marihuana.
Realizadas todas esas comprobacións, e con autorización xudicial, realizouse un rexistro no seu domicilio da Rúa Princesa de Pontevedra, onde se encontrou un laboratorio de marihuana con plantas en todos os estadios para a súa produción: un viveiro cunhas 50 plantas de pequeno tamaño, outro cuarto nas que había 100 plantas de gran tamaño, outra dependencia na que había gromos de marihuana preparados para a súa venda, así como todos os útiles para o cultivo das plantas, tales como transformadores, lámpadas de gran potencia, ventiladores ou substrato vexetal.
No mesmo domicilio foron intervidas tamén pequenas cantidades de heroína e botes e básculas de precisión con restos desta substancia do que se pode deducir a dedicación tamén á venda deste tipo de drogas. En total, localizáronselle 33,8 gramos de marihuana, 21 gramos de heroína, 0,2 gramos de cocaína, 5,4 gramos de haxix, 344,73 gramos de substancia de corte e 8.834 gramos de marihuana en 160 plantas.
A Policía Nacional resalta que o mozo alemán, que non ten antecedentes en España, mostrou unha extrema agresividade que levou consigo que non puidese estar presente durante o rexistro da súa casa. Estaba a poñer en perigo a integridade física dos policías, a comisión xudicial e a súa propia. Tras pasar a disposición do Xulgado de Pontevedra, foi derivado á Audiencia Nacional, órgano encargado de tramitar as ordes europeas de detención.
O segundo detido é o mozo que o acompañaba, ao que se lle atribúe un delito contra a seguridade vial. Trátase dun mozo de 25 anos con antecedentes policiais por cultivo de marihuana e foi posto en liberdade tras declarar na Comisaría.