O PSOE pide no Parlamento que a Xunta elabore un estudo de viabilidade sobre Tafisa
Por Redacción
O grupo socialista presenta unha proposición non de lei para o seu debate no Parlamento de Galicia na que se insta á Xunta de Galicia a crear de inmediato un grupo de traballo profesional e institucional que elabore un estudo de viabilidade do negocio de Tafisa en Ponte Caldelas. Nese documento opina que deberían determinarse as condicións básicas para o mantemento da produción na fábrica.
Os socialistas demandan tamén da Administración galega que se busquen puntos de confluencia entre os intereses da Xunta, a través do IGAPE, e dos titulares do Grupo Sonae, convencéndoos de que a conservación da actividade industrial reportaralles beneficios económicos e políticos a ambas instancias.
Na redacción da súa proposición non de lei reclámase que na medida en que a empresa ten recibido fondos públicos, a Xunta negocie co grupo propietario de cara a conservar e manter a actividade industrial, que será a forma de obter beneficios sociais para o conxunto da sociedade das transferencias realizadas.
As propostas dos socialistas completánse coa de estudar a evolución da facturación real do grupo por plantas, produtos e plantilla asociada dende o ano 2009, e demandar unha análise da viabilidade da planta por liñas de traballo, valorando a diversificación da produción, con fin de aumentar a carga de traballo desta, co apoio do Grupo Sonae e da Xunta de Galicia.
En opinión do PsdeG, as causas alegadas por Sonae para o peche, de carácter económico e produtivo, resultan "absolutamente incoherentes" coa realidade do proceso produtivo da factoría de Ponte Caldelas e están "claramente manipuladas" en termos da realidade financeira da empresa. Acúsaos de cargar determinados custos á fábrica pontevedresa que non se corresponden con gastos realmente atribuíbles á mesma.
Por outra banda, presentan ante o Parlamento dúas preguntas para a súa resposta por escrito: "ÿ consciente a Xunta de Galicia das graves dificultades que está a atravesar a empresa Tafisa?" e "cales van a ser as liñas de actuación da Xunta de Galicia para cooperar na superación destas dificultades?".
Relacionadas:
-
Tafisa ofrece 20 traslados con rebaixa de soldo e o comité considera que é unha "tomadura de pelo"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
O plantel de Tafisa acusa á empresa de engordar as perdas con outros gastos do Grupo Sonae
Por Redacción |
-
Os traballadores de Tafisa solicitan apoios a todos os grupos políticos do Parlamento
Por Redacción |