A directora da DXT, María Seguí, cita o modelo pontevedrés coma exemplo de cidade segura e sustentable
Por Oskar Viéitez
Pontevedra segue a ser referente na mobilidade urbana en España, como quedou de manifesto na mesa redonda organizada estes días en Madrid pola Dirección Xeral de Tráfico sobre cidades intelixentes e seguras.
A sesión de clausura foi dedicada ao estudo de experiencias en cinco cidades: Madrid, Barcelona, Xixón, Vitoria e Pontevedra, e só as duas últimas centraron as súas intervencións en aspectos globais da mobilidade e a seguridade, cun denominador común: retirar espazo para os coches e ofrecerllelo aos peóns e ás bicis é o único deito de conseguir espazos de maior calidade.
Foi o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores quen abreu a mesa, despois de que o presentador, Javier Villalba, o responsable de Ordenación Normativa da DGT, se referira a Pontevedra como un modelo pioneiro e avanzado en medidas que tensen a xeneralizarse como limitar a velocidade a 30 km/h en todo o ámbito urbano.
Tamén explicou, a instancia dunha pregunta do propio moderador, que coas actuais medidas mellorouse a velocidade media, xa que a construción de rotondas e a mellor organización dos circuitos permiten unha maior axilidade na circulación.
Antes de analizar unha serie de datos comparativos da seguridade en distintas cidades, o alcalde aclarou que caneo se fala de cuidar o medio ambiente, é preciso fixarse no medio ambiente urbano, que é co que a maioría dos cidadáns estamos en contacto o 90% da nosa vida. Despois repasou todas as medidas tomadas en Pontevedra en relación á reforma urbana, ao sistema de aparcadoiros e ao noso sistema de circulación, que parte da eliminación dos automóbiles de boa parte da cidade, desviando a súa circulación por aneis e vías exteriores e facilitando o tráfico de destino.
Preguntado posteriormente pola aceptación popular destas medidas de seguridade viaria, o alcalde referiuse aos cambios de opinión que se producen en cada persoa cando ésta é veciña dunha rúa, e cando a mesma persoa é condutor dun automóbil. "Pásanos a todos, que cando nos montamos nun coche, tendemos a esquecernos da seguridade dos peóns".
Na cerimonia de clausura, a directora xeral de Tráfico, María Seguí, enumerou unha a unha as características do modelo pontevedrés para referirse ao que debe ser unha cidade segura e sustentable, "un camiño que todos deberían enfocar. Entre todos temos que conseguir cero mortos, cero feridos graves, cero contaminación, cero conxestión e cero ruído", dixo.