Asaltan un mozo de madrugada en Curros Enríquez e propínanlle unha malleira
Por Redacción
Axentes do Corpo Nacional de Policía da Comisaría Provincial de Pontevedra procederon á identificación e detención dun home de 37 anos de idade, veciño de Pontevedra, con antecedentes policiais, como presunto autor dun delito de lesións.
Os feitos sucederon o día 14 de xuño cando presentaba denuncia nestas dependencias un mozo de Pontevedra, vítima dunha agresión. Segundo o denunciante sobre as 04.30 horas da madrugada cando volvía ao seu domicilio camiñando nas proximidades da Praza de Curros Enríquez, foi abordado polas costas cando falaba por teléfono.
A vítima viuse sorprendida por varios mozos que nun primeiro momento o increparon e empurraron logrando tiralo ao chan, momento no que un deles, lle propinou unha patada na cara que lle produciu a fractura da mandíbula. Nun primeiro momento interveu no lugar a Policía Local que identificou aos alí presentes. A vítima tras ser asistida por unha dotación do 061 foi derivada ao Hospital Montecelo onde lle diagnosticaron dobre fractura de mandíbula da que deberá ser intervido.
A raíz da denuncia os axentes iniciaron as xestións pertinentes para esclarecer o sucedido e localizar o presunto autor da agresión. Unha vez solicitados os datos do presunto autor os axentes procederon á súa identificación e posterior detención o día 18 de xuño ás 11.10 horas. Tras ser oído en declaración por estes feitos foi posto a disposición da Autoridade Xudicial.