O luns 23 comezan as obras de roza no rural pontevedrés
Por Redacción
Este luns 23 na zona da parroquia da Canicouva iniciaranse os traballos de roza no rural pontevedrés, segundo explicaba o concelleiro Demetrio Gómez, seguindo o plan que atenderá todas as estradas, camiños e vías das 15 parroquias do municipio.
Os traballos realizaranse co obxectivo de mellorar a seguridade vial porque debido ás chuvias deste inverno a maleza creceu de tal forma que ocupa camiños e estradas. Ademais, con esta medida tamén se colabora na loita contra incendios.
O plan desenvólvese en dúas fases. A primeira, igual que sucedía en 2013, será executada por dúas máquinas rozadoras e catro operarios que se situarán aos dous lados do vial para recortar e, ao mesmo tempo, recoller os restos que queden na calzada e nas cunetas. O Concello contratou unha empresa por 50.000 euros para desenvolver este labor ao longo de 168 quilómetros das principais vías.
A segunda fase desenvolveraa o persoal municipal que pasarán polas vías secundarias das parroquias unha ou dúas semanas despois de que se actúe nas vías principais. Serán outras catro persoas que realizarán traballos de roza e de limpeza, que compaxinarán estes labores coa limpeza dos adros ou dos campos das festas das parroquias para telos en plenas condicións de cara ás festas do verán.
Os traballos comezarán este luns pola parroquia da Canicouva e continuarán por esta orde, Ponte Sampaio, Tomeza, Lourizán, Marcón, Mourente, Bora, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Verducido, Cerponzóns, Alba e Campañó.