Pontevedra será "epicentro" dun Camiño Portugués que busca igualar o francés no próximo Ano Xacobeo
Por Alejandro Espiño
Conseguir que o Camiño Portugués a Santiago se sitúe "ao mesmo nivel" que o seu homólogo francés de cara ao 2021, o próximo Ano Xacobeo. ÿ o obxectivo que se marcou o Eixo Atlántico, segundo explicou en Pontevedra o seu secretario xeral, Xoan Mao. E precisamente a cidade do Lérez, xunto coa localidade portuguesa de Braga, será potenciada como epicentro desta ruta de peregrinación que cada ano rexistra un maior número de adeptos.
O Camiño Portugués "no tiene techo", explicou Xoan Mao, quen indicou que se trata dunha ruta con capacidade "para atraer a más gente". E no medio deste escenario, Pontevedra como cidade na que converxen as tres variantes deste camiño (a central, a da costa e a de inverno) e Braga, como a cidade lusa máis vinculada historicamente ao camiño, terán un protagonismo especial.
Tras recoñecer a figura de Tino Lores, presidente da Fundación Amigos do Camiño Portugués, porque cando ninguén se preocupaba por este camiño, el estaba aí, o secretario xeral do Eixo Atlántico sinalou que o Camiño de Santiago é un produto turístico "que mueve a millones de personas cada año", pero necesita dun profundo lavado de cara.
De aí que as cidades polas que pasa iniciasen un proceso de auditoría, xunto cun grupo de expertos, para detectar as posibles deficiencias e problemas que presenta o seu actual percorrido, para poder corrixilas canto antes. O informe final desta auditoría será trasladado ao Goberno portugués e á Xunta de Galicia, para que ambas as dúas institucións colaboren economicamente na rehabilitación integral do Camiño Portugués.
FEIRA EXPOCIDADES
Ademais da potenciación do Camiño Portugués, outro dos eixes principais do traballo do Eixo Atlántico en materia de turismo será seguir potenciando a feira Expocidades, o grande escaparate turístico da eurorrexión, cuxa segunda edición recala en Pontevedra. Un total de 27 cidades (14 galegas e 13 portuguesas) participarán neste evento, que se celebrará entre o 4 e o 6 de xullo na Alameda pontevedresa.
Expocidades será unha oportunidade de botar unha ollada a toda a oferta turística dos concellos e cámaras de ambos lados da "raia". Nesta liña, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Mao, destacou que na eurorrexión viven sete millóns de persoas que dispoñen de 52 fins de semana ao ano, o que supón un mercado cunha potencialidade enorme para aproveitar as singularidades naturais, culturais, gastronómicas e mesmo relixiosas desta "ciudad virtual formada por 34 barrios", as localidades galegas e do norte de Portugal que forman o Eixo Atlántico.
A feira, que terá carácter gratuíto, terá o seu eixe fundamental na Alameda. Alí instalaranse os postos coas ofertas turísticas das cidades participantes. Ofrecerán, sinalou Carlota Román, "una oferta que no desmerece en nada a destinos más rimbombantes" e a oportunidade de que os pontevedreses poidan organizar "vacaciones diferentes y más baratas", coñecendo interesantes destinos turísticos "que están próximos a nosotros"
Expocidades contará ademais cunha ampla programación complementaria. Seguindo unha liña de traballo habitual na concellería para "exportar" os eventos ao mundo 2.0, organizarase un novo showcooking na Praza de Abastos e un blogtrip con especialistas en gastronomía e turismo, entre eles Diego Pons (viajandocondiego.com), Manuel Méndez (cocinagallega.es) e Mónica Castelao (galiciousgourmet.com).
Os actos paralelos inclúen un encontro na Casa das Campás entre empresas dos sectores turístico e gastronómico de Galicia e Portugal no que está confirmada a presenza de máis dunha trintena de firmas. Finalmente, programouse un percorrido en barco pola ría para as autoridades municipais asistentes e unha visita teatralizada polo Centro Histórico da cidade.
Relacionadas:
-
Empezan os traballos de limpeza e acondicionamento do Camiño Portugués
Por Redacción |
-
Un millón de euros e 100 traballadores para potenciar o Camiño Portugués en 12 concellos pontevedreses
Por Redacción |
-
O Camiño Portugués espera bater o seu récord de peregrinos
Por Oskar Viéitez |
-
Unha mesa de traballo permanente potenciará o Camiño Portugués
Por Redacción |
-
Pontevedra acollerá a mostra de turismo 'Expocidades 2014'
Por Redacción |
-
Pontevedra quere acoller Expocidades, a feira de turismo que organiza o Eixo Atlántico
Por Redacción |