A décima promoción de graduados universitarios sénior celebra este xoves a fin dos seus estudos
Por Redacción
Os trece alumnos sénior do Campus de Pontevedra porán este xoves o seu peche, co seu acto de graduación, a tres anos de formación e vivencias no campus de Pontevedra. O padriño da promoción será o profesor José Carlos Carballido, ao que lle corresponderá impartir a lección de clausura do curso.
Trátase da décima promoción de graduados universitarios sénior do Programa para Maiores das Aulas de Formación Aberta da Universidade, que despois de tres cursos formándose en materias como filosofía, informática, xeografía ou historia, celebrarán a finalización do Ciclo Intensivo deste programa na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
"O único requisito que existe para acceder ao Programa para Maiores é ter 55 anos ou máis e gañas de aprender, e isto último sobrálle a este grupo", salienta o profesor José María Gil, director en Pontevedra dun programa dirixido tanto a aqueles que no seu día non puideron acceder aos estudos universitarios como a persoas xa tituladas con ilusión por retornar ás aulas.
Ao longo de tres cursos, este grupo de trece estudantes tivo que superar un total de 54 créditos, que abranguían tanto clases de dereito ou historia, como obradoiros de fotografía ou gravado.
O obxectivo desta iniciativa educativa, "para a que non se necesitan coñecementos previos", como explica Gil Villanueva, era proporcionarlles unha formación interdisciplinar que contribuíse ao seu desenvolvemento persoal e social, e o certo é que aproveitaron este tempo ao máximo. "Sempre estaban moi motivados e interesados e non escatimaban en esforzos", recoñece o director do Programa para Maiores en Pontevedra.