Abanca toma o relevo de Novagalicia Banco e xa exhibe a súa nova marca en Pontevedra
Por Redacción
Novagalicia Banco xa é historia. Dende este venres, Abanca tomou o relevo como a primeira entidade financeira de Galicia. Os seus distintivos xa se poden ver en toda a rede de oficinas e caixeiros, tamén na cidade de Pontevedra. A entidade, adquirida polo grupo venezolano Banesco, abre unha nova etapa como "el banco de los gallegos", segundo sinalou na súa presentación o seu vicepresidente, Juan Carlos Escotet.
A actividade para implantar esta nova identidade corporativa foi frenética nas últimas horas. Co azul e o branco como cores predominantes, a nova marca do banco galego non só preside xa a totalidade da rede de oficinas e caixeiros, senón que tamén se sitúa en todos os puntos nos que estaba visible a anterior imaxe, como recintos deportivos ou culturais. Mesmo naqueles lugares onde aínda sobrevivían as marcas de Caixanova e Caixagalicia.
A nova denominación de Abanca vai acompañada dun lema, Sentir Común, "que aglutina todos los valores del nuevo banco que nace con esta marca: la responsabilidad, la confianza, la calidad, la sencillez, la innovación", explicou Juan Carlos Escotet. E é que o vicepresidente da entidade insistiu en que será "un banco con alma de caja que nace con el objetivo de merecer servir a los gallegos".
NOVA ESTRATEXIA
A nova identidade corporativa de Abanca compleméntase cun cambio de estratexia na actividade do banco. A nova entidade centrarase na banca minorista tradicional pero multicanle, máis orientada ao cliente e co foco no servizo a pemes e familias. E aseguran que a concesión de crédito terá un papel estratéxico na nova etapa, na que se tratarán de apoiar as empresas nos seus procesos de internacionalización.
Abanca xestionará preto do 40% dos aforros das familias e empresas galegas. O novo banco reforzará o seu posicionamento tras a integración con Banco Etcheverría, prevista para o cuarto trimestre deste ano. Unha vez culminada a fusión, a entidade contará cunha rede de 694 oficinas en España (583 en Galicia) e outras 15 no estranxeiro. O equipo estará conformado por ao redor de 4.700 profesionais.
No caso da cidade de Pontevedra, Abanca contará inicialmente con quince sucursais, unha delas dedicada exclusivamente ás operacións de empresas.