A Federación Galega de Confrarías estuda presentar unha denuncia por acoso contra Agamar
Por Diego Espiño
"Levan dous anos mentindo, dando cifras que non existen e decindo que o cobro é ilegal". Así responde Benito González, patrón maior de Cambados e presidente da Federación Galega de Confrarías ao preguntárselle pola querela criminal presentada por Fiscalía por mor da denuncia da Asociación Galega de Mariscadores (Agamar). Acúsaselle de apropiarse de máis de 103.000 euros de xeito indebido.
Gónzalez defende que o soldo que percibe da federación está aprobado en asemblea por todas as confrarías, "este traballo require unha dedicación de 24 horas ao día. As confrarías defenden que ou presidente sexa liberado, está contemplado nos estatutos e referendado en asemblea".
O presidente da federación afirma estar tranquilo ante os novos acontecementos, "que demostren que é ilegal, eu estou moi tranquilo", e asegura que na última reunión das confrarías, ademais de ratificar o seu soldo, expúxose a posibilidade de emprender accións legais contra a asociación de mariscadores, "Agamar só intenta destruír. O pleno deu vía libre para defender a imaxe da federación e do seu presidente e é posible que presentemos unha denuncia por acoso, porque isto é unha persecución contra a miña persoa e contra as confrarías".
Pola súa banda, Agamar defende a prohibición desta remuneración segundo a normativa galega e recorda que os cargos representativos destas entidades están suxeitas a unha ausencia de lucro.