O PP desvelará a partir de setembro o nome dos seus candidatos ás alcaldías pontevedresas
Por Alejandro Espiño
O Partido Popular espera ter en setembro a "maquinaria preparada" para comezar a designar os seus candidatos ás próximas eleccións municipais de 2015. Así o avanzou este sábado o seu secretario xeral en Galicia, Alfonso Rueda, que xunto o presidente provincial en Pontevedra, Rafael Louzán, mantivo no Parador de Turismo un encontro cos alcaldes e voceiros municipais das comarcas de Pontevedra, O Morrazo e Caldas.
Será despois do verán cando os populares se centren nun curso político que concluirá con estes comicios locais, e nese sentido comezarán a coñecerse "senón ao 100%, a gran maioría" os nomes das persoas que optarán ás alcalías pontevedresas. "De aí a celebración de congresos durante todo este tempo por todos os concellos de Galicia", afirmou Rueda, que recordou que o de Pontevedra celebrarase a próxima fin de semana.
Será "un mes moi activo", sinalou Rueda, xa que afirmou que os candidatos "necesitan un tempo de estar proclamados para comezar a traballar", o que implica iniciar esa fase "á volta das vacacións".
Rafael Louzán explicou que, nestas reunións que o PP de Pontevedra vén mantendo por diversas comarcas, "os alcaldes piden proximidade, que esteamos cerca deles e na medida do posible que se atendan cuestións fundamentais como son as políticas orientadas á diminución do desemprego ou os servizos sociais". E é que sinalou que "a pesar de que hai síntomas de recuperación e de que as cifras son positivas, o gran problema que sigue latente é o paro".
Entre os temas tratados, Rueda comentou que tamén se analizaron temas de actualidade como a reforma xudicial ou a hipotética reforma da lei electoral, da que os populares defenden a elección directa dos alcaldes por considerar que é a única fórmula que respecta a vontade maioritaria dos cidadáns. "Quen ten o apoio maioritario dos veciños é o quen merece gobernar", insistiu o secretario xeral dos populares galegos.
Durante a xuntanza, ambos eloxiaron o traballo que están realizando todos os alcaldes da provincia, independentemente da cor política, "creo que hai que felicitalos e recoñecer o esforzo e a xestión que realizan, nun momento difícil economicamente e tendo en conta as circunstancias nas que se atopan", dixo Louzán. "Son os primeiros supervisores dos problemas dos cidadáns, porque son os que están en contacto permanente con eles e pegados ao terreo".
Relacionadas:
-
O PSdeG-PSOE prepara xa as municipais entre críticas ao "pucheirazo" do PP coa Lei Electoral
Por Redacción |
-
Moreira reúne os avais necesarios para presentar a súa candidatura á presidencia do PP local
Por Redacción |
-
UPyD anuncia que presentará unha candidatura "solvente" á alcaldía de Pontevedra
Por Redacción |
-
Jacobo Moreira fai oficial a súa candidatura a presidir o PP local e anuncia que regresará ao Parlamento
Por Oskar Viéitez |