Un condutor bébedo adianta unha patrulla policial e circula 'a botes' polos lombos da avenida de Marín
Por Natalia Puga
Un mozo de 24 anos foi denunciado no xulgado por un delito contra a seguridade do tráfico tras ser detectado pola Policía Local conducindo ebrio polas rúas de Pontevedra. Unha patrulla detectouno despois de que os adiantase pola autovía de Marín e circulase dando botes a velocidade excesiva polos pasos de peóns con lombos situados á entrada da cidade na avenida de Marín.
Segundo indicaron fontes da Policía Local, todo sucedeu sobre as 4.00 horas da madrugada do sábado 5 ao domingo 6 de xullo, cando unha patrulla da Policía Local circulaba pola PO-11 (autovía de Marín) en dirección ao centro da cidade e un turismo Peugeot 207 adiantouna a velocidade excesiva para a vía.
Tras o adiantamento, seguiu circulando a unha velocidade excesiva a pesar de que a limitación da vía varía e se reduce a 30 quilómetros por hora. Na entrada da cidade pola autovía de Marín pasou por varios pasos de peóns elevados con lombos sen por iso ir máis devagar. Nesa zona o coche ía 'dando botes'.
Durante todo ese traxecto o vehículo circulaba a unha velocidade inadecuada, pero non puido ser establecida. Con idéntica conduta seguiu en dirección ao centro da cidade, circulando polas rúas San Roque, Palamios, Raiña Victoria e Augusto García Sánchez, ata que, á altura da praza de Galicia, se detivo.
A citada patrulla policial seguiuno no seu percorrido por Pontevedra e, xa na praza de Galicia, os axentes achegáronse ao vehículo e notaron que presentaba claros síntomas de encontrarse baixo os efectos do alcohol. Sometérono a unha proba de alcoholemia e deu un resultado positivo de 0,67 miligramos por litro de aire expirado.
O condutor resultou ser un mozo de 24 anos e a Policía Local instruíu dilixencias ante o Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade do tráfico por condución alcohólica.
DENUNCIA ANTE A SUBDELEGACIÿN DO GOBERNO
Ademais, a Policía Local de Pontevedra denunciou ante a Subdelegación do Goberno un veciño da cidade de 23 anos localizado na madrugada do domingo tirando colectores pola rúa Alexandre Bóveda. Un deles tirouno enriba dun camión.