O PSOE chama ao espíritu do 5-J para evitar que desapareza a Audiencia de Pontevedra
Por Redacción
O Partido Socialista realizou un chamamento para que os pontevedreses reaccionen en contra da supresión das Audiencias Provinciais que, segundo afirman, desenvolveríase tras a aprobación da Lei Orgánica do Poder Xudicial que está a promover o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón. A deputada autonómica Patricia Vilán e o secretario xeral do PSOE local, Agustín Fernández, denunciaron que a lei suprimiría a Audiencia Provincial de Pontevedra, que pasaría a depender do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, con sede na cidade da Coruña.
Por este motivo, Agustín Fernández fixo referencia á gran manifestación do 5-J, que se levou a cabo no ano 1997 con motivo do plan de segregación da Audiencia provincial, e realizou un chamamento ao espírito daquel movemento para evitar que desapareza unha institución na que, segundo indicou Patricia Vilán, traballan ao redor de 100 funcionarios de Pontevedra e Vigo, que se terían que trasladar á Coruña.
Os socialistas anunciaron que existe un amplo descoñecemento entre a cidadanía sobre esta situación e, nos próximos días, reuniranse con colectivos de veciños e representantes do ámbito xudicial para iniciar un movemento de rexeitamento a esta medida.
Agustín Fernández indicou que no próximo pleno municipal presentarán unha moción para rexeitar esta modificación que promove a Lei. Indican que o goberno da Xunta de Galicia presentou un informe de alegacións á Lei Orgánica do Poder Xudicial no que non se fai referencia á desaparición da Audiencia polo que entenden que "están dacordo en trasladala á Coruña". Insisten en que se trata dunha alegación pactada entre o goberno central e a Xunta e que todo responde a un plan para dificultar o acceso á Xustiza.