O xurado conclúe que o acusado de matar ao seu irmán lle disparou "para defenderse" e o xuíz ordena a súa inmediata liberdade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Faltaban poucos minutos para as once da noite deste xoves cando o presidente da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, José Juan Barreiro Prado, decretaba a "inmediata liberdade" de Santiago Gómez Lorenzo, o veciño de Vilagarcía que durante toda a semana foi xulgado por un xurado por matar o seu irmán dun disparo en setembro de 2012. Xusto antes de que o maxistrado anunciase esta decisión, dérase a coñecer o veredicto do tribunal popular, que concluía que o procesado disparou coa súa escopeta ao seu irmán Alfonso "sen intención de causarlle a morte".
Considera probado o tribunal popular que Alfonso se dirixiu ao encontro do seu irmán Santiago cando levaba unha navalla e o seu irmán unha escopeta e que Santiago cargou a escopeta e disparou "para defenderse da agresión de seu irmán", "polo medo a ser agredido polo seu irmán coa navalla que portaba" e "por mor da confusión ou perturbación na que se encontraba". "De inmediato" chamou por telefóno á autoridade policial e "colaborou na reparación do dano causado á vítima".
As conclusións do xurado consideran o acusado responsable dun delito de homicidio por imprudencia no que concorren as circunstancias atenuantes da responsabilidade criminal de arrebato ou obcecación, confesión, medo insuperable e reparación do dano ou a eximente incompleta de lexítima defensa.
A aplicación de todos estes atenuantes obrigou o fiscal, Juan Carlos Aladro, a rebaixar a petición de condena que formulara antes e despois do xuízo. Pedía inicialmente que Santiago Gómez fose condenado a dez anos de prisión por un homicidio no que concorre o atenuante de confesión e o mércores, antes de que xurado se encerrase a deliberar, introduciu a cualificación alternativa de que fose condenado a tres anos, seis meses e un día de prisión como autor dun delito doloso de lesións en concurso cun homicidio imprudente. Este xoves, tras coñecer o veredicto, rebaixou a súa petición a 11 meses e 15 días de prisión.
O avogado da acusación, que pedía 20 anos por asasinato coa agravante de parentesco ou, alternativamente, 15 anos por homicidio doloso coas agravantes de parentesco e abuso de superioridade, tamén se viu obrigado a modificar as súas conclusións. Mostrou o seu "desencanto" co veredicto do xurado e anunciou que, unha vez que o tribunal dite sentenza, recorreraa, pero nese momento procesual viuse obrigado a adaptarse ao resultado da deliberación e solicitou para o acusado un ano de prisión.
O veredicto conclúe que o procesado disparou "sen intención de causarlle a morte" e "polo medo a ser agredido polo seu irmán coa navalla que portaba"
Á espera de que o maxistrado dite sentenza conforme ao veredicto do xurado, o avogado defensor pediu o tribunal que o seu cliente fose posto inmediatamente en liberdade, pois a pena maior á que pode ser considerado polos feitos considerados probados é inferior ao tempo que xa leva en prisión provisional. Ingresou no cárcere en setembro de 2012, ao día seguinte dos feitos.
O fiscal adheriuse a esta petición e o xuíz ordenou a liberación, de modo que o procesado saíu da Audiencia nun furgón da Garda Civil con destino ao cárcere da Lama, pero só para poder recoller as súas pertenzas e asinar a súa saída do centro. A súa familia xa prevía recollelo alí ao longo da noite para levalo á casa.
O veredicto e a liberación inmediata do procesado xerou unha mestura de emocións na Audiencia. Os achegados ao procesado fundíronse en fortes abrazos e romperon a chorar, o propio acusado non podía conter as bágoas da emoción, pero as fillas do falecido e sobriñas do procesado, tamén con bágoas nos ollos, se viron invadidas por un sentimento de frustración.
Na propia sala as mozas contiveron as súas emocións, pero xa no exterior da Audiencia se deixaron levar pola indignación. "Hoy en día, matar a una persona está bien hecho. Es lo que he aprendido de la Justicia hoy", sinalou unha, ao tempo que a outra criticaba a figura do xurado popular e que se deixe en mans de "personas no cualificadas la Justicia de este país". Para ela, iso demostra que "está demostrado que la mentira y saltarte las normas es lo que vale".
O seu avogado, Carlos Rueda, riscou de "barbaridad absoluta" o veredicto e anunciou que impugnará a sentenza e pedirá que o xuízo se repita porque detectou varias anomalías na redacción do veredicto e un motivo de impugnación no xurado. Este mesmo xoves pola mañá presentou un escrito ao tribunal denunciando, con probas gráficas e testificais, que un membro do xurado se reunira cos fillos e o primo do procesado no exterior da Audiencia, o que, ao seu modo de ver, é motivo de expulsión inmediata desta persoa do tribunal.
O propio xurado negara ao inicio do xuízo que coñecera o procesado ou os seus achegados (motivo que lle convirtiría en persoa non válida para conformar o tribunal), pero este xoves recoñeceu que si mantivo ese encontro denunciado pola acusación. Explicou que estivo con eles para saudar o primo do procesado, co que traballara dous anos atrás. Sobre a base desta situación, o avogado pediu que fose expulsado do tribunal porque "llevaba tres días contaminando al jurado desde dentro" e podería seguir facéndoo á hora de ditar veredicto, pero o maxistrado Barreiro rexeitou a opción.
Relacionadas:
-
Un acordo cunha condena a dous anos de prisión evita volver xulgar o crime fraticida de Guillán
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Audiencia deberá repetir o xuízo polo crime de Guillán cun xurado diferente e un novo maxistrado
Por Redacción |
-
O Supremo ordena ditar nova sentenza contra o condenado de matar o seu irmán en Vilagarcía
Por Redacción |
-
Piden no TSXG que se repita o xuízo con xurado contra o fraticida de Guillán (Vilagarcía)
Por Redacción |
-
"Eu cometín un erro, si, coller a escopeta, pero non coa intención de matar nunca a meu irmán"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xuízo polo fraticidio de Guillán (Vilagarcía): "Aquí los hermanos se llevaban todos fatal unos con otros"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O acusado de matar o seu irmán dun disparo en Vilagarcía deféndese: "Fue por instinto"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |