Ferida unha traballadora que quedou atrapada na máquina de lavado dunha conserveira
Por Redacción
Unha veciña de Vilagarcía de 30 anos resultou ferida este luns nun accidente laboral rexistrado nunha conserveira do polígono industrial Sete Pías. A moza quedou atrapada nunha máquina de lavado mentres traballaba.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias 112, nun primeiro momento recibiuse aviso porque unha traballadora quedara co brazo atrapado nunha máquina e era necesario liberala. Ao lugar desprazáronse medios de excarceración, pero, cando chegaron, xa non foi necesaria a súa intervención.
Protección Civil de Cambados explicou que á traballadora lle quedou atrapado na máquina un dedo e que lle axudou a liberarse outra empregada da fábrica.
Os feitos aconteceron sobre as 11.20 horas deste luns na nave de Conservera Española na parcela 30 do polígono Sete Pías, en Cambados. Ao lugar acudiron efectivos de Protección Civil de Cambados, a Garda Civil e Urxencias Médicas de Galicia 061, que trasladou á muller ás oficinas da súa mútua nunha ambulancia.