Quen decorou mellor o seu balcón este verán?
Por Redacción
Cal é o balcón e/ou fachada do casco histórico de Pontevedra mellor decorado este verán? Un xurado comezou a valoralo este luns percorrendo as rúas para visitar as 140 propostas estéticas realizadas polos veciños inscritos na primeira edición do Concurso de Decoración de Fachadas e Balcóns.
Valorarán as propostas que teñan maior calidade e equilibrio das composicións florais, a integración na fachada, a utilización de elementos adicionais e, en xeral, o impacto visual dende a rúa de todos os balcóns, que se sumaron a esta iniciativa xa o 14 de xuño, de maneira que xa levan un mes e medio coas plantas decorando as súas propiedades.
Dentro deste concurso, o Concello repartiu mil plantas da clase das surfinias e xeranios e valorarase como se colocaron e cal será o mantemento dos espazos decorados durante todo o verán, ata o 14 de setembro. O primeiro premio está dotado con 600 euros, o segundo con 400 euros e o terceiro con 300 euros.
O xurado cualificador, presidido pola concelleira Carlota Román, intégrano o xefe de servizo municipal de Xardíns, Manuel Fontán; as representantes das asociacións de veciños Santa María e San Bartolomé, Carmen Solano e Mariluz Fernández; e o xerente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Mónica Tomé. Ao longo da mañá deste luns revisaron a metade dos balcóns e continuarán o martes para continuar a revisión.
O concurso está dirixido a todos os veciños ou comerciantes titulares de balcóns, fachadas ou fiestras visibles dende a vía pública e que cumpran coa normativa en materia de conserva-ción e seguridade. Fora de concurso xa anunciaron a súa participación dez institucións, entre elas, o Consello Regulador das Rías Baixas, o colexio San Xosé, o Arquivo da Deputación, a Delegación do Ministerio de Economía e Facenda, a Universidade de Vigo coa Casa das Campás, a empresa pública de servizos agrarios da Xunta (Seaga), UGT e o Casino Mercantil e Industrial.
Segundo comunicou o Concello a través dun comunicado, Carlota Román agradeceu o esforzo de todos os participantes, con independencia do resultado estético acadado por cada quen. Destacou que se trata dunha iniciativa pensada para enxalzar o atractivo turístico do centro histórico, pero que tamén ten unha compoñente de autoestima para os propios pontevedreses.
Relacionadas:
-
O manequín da Rúa da Formiguera, gañador do concurso de decoración de fachadas e balcóns
Por Redacción |
-
Conclúe a revisión dos 140 balcóns do concurso de decoración do centro histórico
Por Redacción |
-
Batalla de surfinias e xeranios nos balcóns
Por Redacción |
-
Convocan o primeiro concurso de decoración de fachadas e balcóns do Centro Histórico
Por Redacción |