Unha residencia para a terceira idade e centro de día no edificio de Almacéns Rodiño
Por Diego Espiño
O antigo edificio que ocupaba Almacéns Rodiño na rúa Don Gonzalo, en pleno centro histórico de Pontevedra, podería converterse nunha residencia para a terceira idade e centro día, tal e como avanzou PontevedraViva.
A empresa lerezana Sacendi SL trasladou ao Concello unha consulta urbanística para rehabilitar este edificio histórico dos séculos XVIII e XIX de 2.310 metros cadrados e convertelo nunha "minirresidencia de alto standing", como a cualificou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, que contaría cun mínimo de 13 prazas e un máximo de 59.
A instalación contaría con servizos de comedor, área de atención especializada, despacho médico ou zona de usos múltiples, ademais do citado centro de día.
O proxecto foi avalado polos técnicos municipais e só falta que Patrimonio autorice a instalación dunhas ventás na parte traseira, cara á rúa San Sebastián, nun edificio lindante "dos anos 70" que tamén se inclúe nos plans da empresa.
A obra contaría cun presuposto de 636.124 euros, ao que habería que sumar o IVE e gastos colaterais elevando o total a preto de 900.000 euros.
A operación foi explicada por Louro ao remate da Comisión de Urbanismo, defendendo o concelleiro que se trata de "un proxecto moi interesante para Pontevedra porque conservaría un edifico histórico e tamén a nivel empresarial, xerando postos de emprego".
A pesar da magnitude da obra, non afectaría á estrutura do edificio e tampouco levaría consigo escavación, polo que Antón Louro espera que "nun prazo curto de tempo sexa unha realidade".
Relacionadas:
-
A futura residencia en Almacenes Rodiño xa conta con todos os permisos para comezar as obras
Por Alejandro Espiño |
-
A residencia e centro de día no antigo edificio de Almacenes Rodiño, máis preto
Por Alejandro Espiño |
-
Louro lamenta o retraso e a escaseza das axudas á rehabilitación no Centro Histórico
Por Redacción |
-
Unha residencia de luxo e un hotel, entre os posibles novos usos do edificio de Almacenes Rodiño
Por Alejandro Espiño |