O Festival do Quilo de Marín chega á súa vixésimo oitava edición
Por Diego Espiño
O Multiúsos do Mercado acollerá este venres, día 8 de agosto, a partir das 20:45 horas, o tradicional Festival do Quilo en beneficio do comedor social de Marín.
A iniciativa chega á súa vixésimo oitava edición, os mesmos anos que a instalación leva en funcionamento, coa colaboración de máis de 200 persoas.
Os asistentes poderán gozar de diferentes actividades e actuacións musicais de balde, coa única petición de colaborar na recollida de alimentos.
Segundo explican os voluntarios do comedor "tenemos a un pueblo que quiere al comedor y eso se nota en las ayudas durante todo el año", aínda que recoñecen que o Festival do Quilo supón unha importante contribución para poder atender aos usuarios con dificultades que acoden a diario ao seu local.
O comedor social de Marín, xestionado polo Voluntariado de la Caridad e as Hermanas de la Caridad de San Vicente de Paúl, ten capacidade para 80 persoas, pero atende tamén diariamente a máis de 40 familias con problemas económicos e en risco de exclusión, a maioría delas con menores de idade ao seu cargo.