Vence (BNG) defende ao Concello das críticas polo convenio da Praza de Touros: "Non financia as touradas"
Por Natalia Puga
O voceiro nacional do BNG, Xabier Vence, defendeu este domingo a xestión do Concello de Pontevedra en relación coas touradas ante as críticas xurdidas nos últimos días pola suposta contradición entre defender politicamente a prohibición deste tipo de actividade e asinar un convenio por 47.500 euros coa empresa propietaria da Praza de Touros capitalina.
"Non financia ás touradas, por suposto", asegurou Vence, para engadir que outra cousa é que o Concello utilice as infraestruturas da Praza de Touros para organizar eventos como o Torneo Medieval da Feira Franca e outro tipo de actividades que "prestan un servizo á cidadanía".
O líder dos nacionalistas asegura que "o proxecto do BNG e do BNG de Pontevedra é claramente contrario ás touradas" e que tanto o seu partido coma o grupo de goberno da cidade do Lérez liderado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores están "plenamente comprometidos" para loitar contra as touradas.
Sostén que o Goberno local "non pode facer accións que están fora da súa competencia"
O BNG e o Concello, asegura Vence, apoian a eliminación das corridas de touros en toda Galicia. De feito, insiste en que o Goberno local nacionalista "leva feito todo o que del depende para que desaparezan ás touradas", pero que "o que non pode facer é accións que están fora da súa competencia". A prohibición deste tipo de eventos é competencia do Parlamento de Galicia.
Por outro parte, a campaña posta en marcha pola plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' e a Asociación Animalista Libera para pedir ao Concello de Pontevedra que renuncie ao convenio para empregar o coso de San Roque durante 2014 e 2015 segue gañando en difusión. Este domingo, tres días despois da súa posta en marcha, xa leva preto de 6.500 sinaturas na plataforma Change.org.