Os madrileños, principais visitantes turísticos de Poio durante a primeira quincena de agosto
Por Redacción
Un 87% de ocupación hoteleira con picos que roldan o 100% sitúa o balance turístico en cifras similares ás rexistradas durante 2013 no Concello de Poio na primeira quincena do mes de agosto.
Durante este período de tempo 2.222 turistas achegáronse polas oficinas de turismo municipais. Desta cifra, un 93,61% corresponde a visitantes nacionais e un 6,39% a viaxeiros internacionais. Entre os nacionais destaca a presenza de turistas procedentes de Madrid (22,46%), seguidos polos do País Vasco (11,34%), Cataluña (10,71%) e Andalucía (10,44%).
Segundo a concellaría de Turismo de Poio, entre os visitantes internacionais destacaron os procedentes de Francia, Arxentina, Alemaña e Portugal.
Para as últimas semanas do mes, os hoteleiros prefiren non realizar previsións, xa que a tendencia dos turistas é esperar ao último momento para facer as reservas e as condicións climatolóxicas poden provocar a variación da ocupación dos establecementos hoteleiros.