Jacobo Moreira reclama unha peonalización máis ambiciosa en Benito Corbal
Por Oskar Viéitez
O PP de Pontevedra é partidario dunha actuación "moito máis ambiciosa" que a que pensa acometer o Concello de Pontevedra na rúa de Benito Corbal tras o período de rebaixas de xaneiro.
O voceiro do grupo municipal del PP, Jacobo Moreira, sinala que a iniciativa de converter en peonil esta rúa "foi ideada polo Partido Popular na campaña das últimas eleccións municipais, aínda que cun proxecto moito máis amplo que o que está hoxe sobre a mesa do equipo de goberno de Fernández Lores".
Precisamente o alcalde rexeitara "expresa e sorprendentemente" hai ano e medio aquela proposta do PP asegurando que "non era posible".
En concreto, o concelleiro Luis Bará anunciou hai uns días que a restrición do tráfico rodado beneficiaría ao tramo comprendido entre Cobián Roffignac-Daniel de la Sota e Sagasta-Vasco da Ponte.
Os populares, pola súa banda, pretenden que a obra abranga ata os 300 metros lineais e chegue ata a rúa Lepanto.
"Mentres o Concello destina un orzamento duns 60.000 euros para esta actuación, pois so prevé colocar lastras de formigón para nivelar a rúa, sen tocar as beirarrúas nin os servizos soterrados, o Partido Popular presentou no seu día un proxecto integral cun presuposto de 980.000 euros proporcional a outras operacións de reforma urbana acometidas noutras áreas e barrios da cidade".
En canto á circulación viaria, a proposta do PP tamén ten moita máis envergadura, pois fronte ao limitado cambio de direccións que acometerá o Concello deseñouse unha reordenación xeral do tráfico que beneficiaba á zona Este do casco urbano e facilitaba o acceso a equipamentos como o Hospital Miguel Domínguez ou o Hotel Rías Baixas.
O voceiro popular no Concello, Jacobo Moreira, aínda que cre que o equipo de Miguel Anxo Fernández Lores amosa "unha vez máis" co proxecto da rúa de Benito Corbal "certo grao de improvisación, que evidenciou o malestar dos taxistas ata que se pactou o cambio de parada para Daniel de la Sota", celebrou que o Concello asuma parcialmente a idea do Partido Popular de facer peonil a devandita rúa.
Moreira asegura que "como ocorreu recentemente co conflito dos crematorios, o goberno municipal está a asumir unha tras outra as propostas do PP".
"A pesar de que lles custe recoñecelo -sinalou Moreira-, no grupo do Partido Popular estamos moi satisfeitos das nosas contribucións, que por outro lado están a converterse practicamente nas accións máis significativas que levan adiante PSdeG-PSOE e BNG".
Relacionadas:
-
A peonalización de Benito Corbal custará 167.000 euros e comezará en setembro
Por Natalia Puga |
-
A peonalización de Benito Corbal progresa axeitadamente
Por Natalia Puga |
-
Espazo Ecosocialista ve intereses privados detrás da peatonalización de Benito Corbal
Por Redacción |
-
A peonalización de Benito Corbal obriga os taxistas a mudarse a Daniel de la Sota
Por Redacción |
-
O PSOE "molesto" por Benito Corbal... Fricción no goberno municipal?
Por Alejandro Espiño |
-
Chega a peonalización a Benito Corbal: executarase en "xaneiro ou febreiro"
Por Alejandro Espiño |