Reparan a cuberta de cristal da Praza de Abastos
Por Redacción
A cuberta de cristal da Praza de Abastos de Pontevedra ven de ser reparada e selada con cargo a unha subvención por importe de 40.348,45 euros da que se deu conta este mércores durante a reunión da Mesa Local de Comercio. Xa están realizados os arranxos na cuberta e tan só falta a substitución dos estores.
Segundo informou a Concellería de Promoción Económica, a subvención concedeuna a Consellería de Economía e o 75% procede dos Fondos Europeos ao Desenvolvemento (FEDER Galicia 2007-2013). Como todas as subvencións deste tipo, leva aparellada a realización de actividades de formación para os concesionarios da Praza de Abastos.
Promoción Económica programou dúas xornadas, a celebrar os luns 29 de setembro e 6 de outubro na Casa da Luz. O temario abrangue temas como a atención ao cliente, a imaxe dos postos, a promoción das vendas, utilización de elementos comúns, accións conxuntas e servizos adicionais a ofrecer á clientela. A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román lembrou que as xornadas están tamén abertas aos usuarios de todos os mercados municipais e trasladou especialmente a invitación aos comerciantes do mercado das galerías de Frei Xoán de Navarrete.
Na Mesa Local de Comercio presentáronse 14 eventos de distinto formato deseñados para atraer público a Pontevedra ou para dinamizar o sector comercial. O programa comeza coa entrega dos premios do Concurso de Decoración de Fachadas e Balcóns, pero continuará coa celebración da campaña comercial 'As compras na túa vila teñen premio', en colaboración coa Federación Galega de Comercio.
A continuación chegarán as pasarelas Pontevedra Moda (PONMO) e o Congreso Expobeauty xunto co Congreso Galicia Look & Fashion, dedicados ao sector de Perruquería e Estética. Traballan tamén nun congreso dirixido ao sector audiovisual e na Conferencia Iberoamericana de Emprendemento, programada para finais de outubro. Un dos eventos singulares será outra campaña comercial centrada no concepto das 'Pop Up Stores'.
Xa entrados en novembro chegarán as Xornadas de Psicoloxía e Saúde, o Congreso de Crecemento Persoal Ponte a Punto, o Foro Unirrede (centrado nas novas tecnoloxías e a comunicación 2.0). Na recta final do ano convocarase unha nova edición do concurso PontedeTapas e a Feira de Doces de Convento. O ano pecharase, como sempre, coa actividade de dinamización comercial Ponte Nadal, coa que se pretenden impulsar as compras de Fin de Ano e Reis, e a Feira de Artesanía.