Meten na cadea un violento mozo como presunto autor de varios roubos
Por Redacción
Un individuo, veciño de Redondela de 30 anos de idade, con antecedentes policiais, foi detido por axentes da Policía Nacional como presunto autor de dous delitos de roubo con violencia, un delito de lesións e atentado a axente da Autoridade.
Segundo fontes oficiais da Comisaría de Pontevedra o primeiro dos feitos foi un roubo con intimidación nun establecemento hoteleiro da cidade acontecido sobre as 21:00 horas do día 7 de setembro.
Ao parecer un home acababa de ser vítima dun roubo con violencia cando entraba no establecemento e foi abordado por un individuo que sen mediar palabra se lle botou enriba e lle tirou ao chan iniciándose un forcexo durante o cal lle subtraeu dun dos peto traseiros do pantalón 500 euros tras o cal se fuxiu.
O segundo feito tivo lugar na madrugada do día 11 de setembro cando axentes pertencentes á Comisaría de Pontevedra que se encontraban realizando labores de prevención da seguridade cidadá polas inmediacións da Avenida Augusto García Sánchez observaron a dous individuos no chan enleados e un deles pedindo socorro.
A persoa que solicitaba axuda presentaba un ollo morado e un corte na cella polo que sangraba abundantemente, os axentes solicitaron con urxencia unha dotación do 061 e procederon a tratar de separar os dous homes.
O presunto agresor encontrábase fóra de si dando patadas e puñazos a destro e sinistro. Un dos axentes sufriu lesións durante o transcurso da detención das que foi asistida nun centro hospitalario da cidade.
Ao parecer este individuo agredira a vítima agarrándoo polo colo e tras tiralo ao chan subtraeulle 70 euros.
Os axentes identificaron o presunto agresor por un delito de roubo con intimidación, lesións e atentado a axente da Autoridade.
Este mesmo individuo fora detido o día 3 de setembro por outro feito delituoso de similares características polo que foi posto a disposición da Autoridade Xudicial.
Unha vez tramitado o correspondente atestado policial, o detido foi posto na mañá deste venres a disposición do Xulgado de Garda de Pontevedra que ordenou a súa entrada en prisión.