O Concello de Marín mellorará o acceso á praia de Aguete dotándoa dunha área de ocio
Por Redacción
A Xunta de Goberno do Concello de Marín aprobou este xoves o proxecto denominado de acondicionamento de espazo de expansión en Aguete. Trátase dunha mellora importante a levar a cabo na última baixada á praia.
Nesta zona encóntrase na actualidade unha pendente moi pronunciada que dificulta o acceso, así como unha área de expansión que será mellorada con iluminación, mobiliaria, espazo deportivo e de ocio e uns aseos.
Este proxecto foi formulado ante o Grupo de Acción Costeira para a súa subvención, foi aprobado e conta na actualidade coas preceptivas autorizacións autonómicas, de Medio Ambiente, de Costas por estar nunha zona de servidume de protección, e de Patrimonio tendo que facer un control arqueolóxico do terreo.
As autorizacións e os informes técnicos son todos favorables e déuselle luz verde coa súa aprobación para proceder á súa contratación.
A subvención engloba o total da actuación presupostada no proxecto, a excepción do IVE que deberá ser cuberto polo concello. O presuposto total da obra a realizar ascende a 90.887,94 euros.
Nos próximos días levaranse a cabo os trámites para a súa contratación.