Ponte Caldelas renovará toda a iluminación pública da parroquia de Laxoso de Arriba
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas renovará a partir de outubro a iluminación pública de Laxoso de Arriba, onde se instalarán equipos redutores de potencia na iluminación e se realizarán unha serie de actuacións para mellorar a eficiencia enerxética. A actuación ten un presuposto total de 39.636 euros que son financiados en parte (27.745 euros) pola Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental.
A actuación en Laxoso de Arriba supón a renovación de todas as luminarias porque as novas pantallas inclúen equipos de eficiencia enerxética, que reducen a potencia a determinadas horas da noite, diminuíndo o consumo. En total colocaranse 42 novas luminarias de 70 W SAP, así como 40 unidades redutoras de consumo. Ademais substituiranse 2.000 metros lineais de cable antigo.
Trátase dunha actuación similar ás realizadas en anos anteriores noutros lugares do municipio como Chan do Casal, Sobreiro, Aluncía, Caritel, Anceu, Baltar, Buchabad e gran parte da zona urbana.
O goberno municipal espera que no futuro todas estas medidas redunden na redución da factura correspondente á iluminación pública, que nestes anos alcanza arredor dos 290.000 euros anuais tendo en conta as frecuentes subas na tarifa eléctrica.