Multan con 400 euros un veciño de Monte Porreiro que deixou morrer dous cans por desnutrición
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
Un veciño de Monte Porreiro terá que pagar unha multa de 400 euros condenado por ser autor dunha falta de maltrato animal a raiz dunha denuncia presentada polo Seprona a finais de maio de 2014 cando se encontraron no seu terreo de Salcedo a dous cans en estado de desnutrición, un xa falecido e a outra anémica, chea de parasitos, con infección de ollos e sen poder poñerse de pé. O Seprona estableceu contacto coa Asociación Protectora Os Palleiros para que se fixesen cargo de Tani, a cadela á que, segundo contan dende o colectivo, intentaron salvar a través de manutención especial e unha dedicación constante. Non obstante, Tani falecía aos once días.
Esta mañá, directivos e voluntarios de Os Palleiros concentrábanse ante os Xulgados da Parda para reclamar unha sanción exemplar contra Eduardo Lino Hermida como presunto autor do maltrato a estes dous animais. Os membros da Asociación compareceron tamén como acusación particular. Gloria Cubas, presidenta dos Palleiros, indicou que cando recollera á cadela, o dono só dixo "esquecéuseme botarlle o líquido" en relación ao produto para des parasitar á mascota, pero dende o colectivo denuncian que tamén se lle esqueceu darlle de comer durante meses. A sentenza do xuíz Xermán Varela molesta a Gloria Cubas que afirma sentirse "indignada e decepcionada por non poder facer máis".
Ante esta situación, os representantes da Protectora piden que estas actuacións de maltrato sexan xulgadas como delito e non como falta. Desta forma, pretenden que as penas leven consigo penas de prisión e non tan só a multa actual de entre 600 e 3.000 euros. Precisamente este martes 23, o Parlamento de Galicia aprobaba a nova lei que endurece as sancións derivadas do maltrato dos animais domésticos e salvaxes en catividade. Desta forma, as infraccións leves pasan a ser castigadas con ata 500 euros de multa e as moi graves, que levan consigo a morte do animal, poden chegar aos 30.000 euros.
Non obstante, para Gloria Cubas e Rosario Dacosta, responsables de Os Palleiros, esta nova normativa segue sendo escasa e sinalan que queren evitar que non se repitan casos como o de Tani.
Gloria Cubas recordou que nas instalacións de Campañó contan con 205 cans abandonados nun espazo con capacidade para 150.