Técnicos da Universidade da Coruña determinarán con raios X a orixe da vertedura de Tragove en Cambados
Por Oskar Viéitez
O director de Augas de Galicia sinala que se está a espera de novos resultados das analíticas realizadas, cunha tecnoloxía máis avanzada, para poder determinar a orixe da vertedura de Tragove e, consecuentemente, abrir o expediente ao responsables do mesmo
O director de Auga de Galicia, Gonzalo Mosqueira, destacou este martes que o Goberno galego está a espera dunha análise máis exhaustiva, por raios x, que permitan determinar a orixe da vertedura rexistrada no mes de agosto na zona do Porto de Tragove, no Concello de Cambados. O director de Augas de Galicia compareceu esta mañá na Comisión de Pesca e Marisqueo.
A deputada nacionalista, Montse Prado considera "escandaloso" que se tardaran máis de dez días en recoller as mostras dos verquidos tóxicos e que dous meses despois a Xunta de Galiza non sepa absolutamente nada do tema, estando aínda pendentes dos resultados.
O BNG denuncia o grave perxuízo que isto está a causar á Confraría de Cambados, que tiña a intención de incluir esta zona no plan de explotación marisqueira, e que a estas alturas descoñecen as medidas e as actuacións que vai adoptar a Xunta mantendo á confraría nunha situación de indefensión.
Pola súa banda, Augas de Galicia realizou un inventariado das industrias potencialmente contaminantes da zona, para poder contrastar o resultado das análises coas sustancias que potencialmente poderían emitir estas industrias. Tamén se realizaron comprobacións do funcionamento da depuradora neses días, para descartar outras orixes.
As mostras e analíticas recollidas ata o momento apuntan a que se tratou dun suceso contaminante puntual e acotada nunha zona moi concreta das Touzas de Tragrove.