Presentan un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional polo conflito da 'paga extra'
Por Alejandro Espiño
O asunto da paga de produtividade aos funcionarios municipais chega ata o Tribunal Constitucional. O concelleiro de Personal, Vicente García Legísima, confirmou este martes que o Concello de Pontevedra presentou un recurso de amparo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que obriga os traballadores a devolver o diñeiro cobrado como compensación pola retirada da paga extra de Nadal en 2012.
García Legísima, que compareceu en rolda de prensa, afirmou que o recurso se presentou o pasado 12 de setembro. Foi a instancias da asesoría xurídica municipal, que considerou que era a mellor fórmula para defender os intereses dos funcionarios e conseguir a suspensión da execución da sentenza, polo menos mentres non haxa fallo do Constitucional.
O goberno municipal basea o seu recurso na convicción de que se vulnerou o dereito á liberdade de expresión do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, por canto un dos fundamentos xurídicos da sentenza do TSXG fai referencia ás súas declaracións sobre este asunto. O tribunal considéraas "proba plena" en contra dos intereses do Concello e dos seus funcionarios.
O informe da asesoría xurídica, segundo o edil de Personal, conclúe que as devanditas declaracións "forman parte do debate político" e que non deben ser incorporadas ao litixio. Ao ser un contencioso administrativo, dixo Vicente García Legísima, só hai que xulgar se os actos administrativos relativos ao pagamento deste complemento de produtividade "cumpre os requisitos esixidos legalmente", deixando de lado "opinións persoais".
Relacionadas:
-
Lores acusa a Moncloa de impulsar unha "persecución política e obsesiva" contra o Concello
Por Alejandro Espiño |
-
Pagarán a todos os funcionarios municipais parte da extra que o Goberno lles retirou en 2012
Por Redacción |
-
Os sindicatos ven inxusta a sentenza das pagas extra e agardan non ter que devolver o diñeiro
Por Redacción |
-
O TSXG obriga a máis da metade dos funcionarios que cobraron a 'paga extra' a devolver os cartos
Por Alejandro Espiño |