Acordo en Treves para finalizar a folga despois de negociar durante toda a noite
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A dirección de Trèves e os representantes do comité de empresa alcanzaron un preacordo sobre o convenio colectivo este mediodía despois de máis de 18 horas de negociación que se iniciaban na tarde do luns e se prolongaban durante toda a noite. O acordo alcanzado coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais deberá ser ratificada este mércores 8 ás 9.00 horas pola asemblea de traballadores que está prevista no Pazo da Cultura. Precisamente esta madrugada cumpriranse dúas semanas dende que se iniciou a folga indefinida dos empregados da nave situada no Polígono do Campiño.
Por outra parte, un grupo de 25 traballadores de Trèves, mentres os membros do comité se reunian en Vigo, se encerraba esta mañá durante dúas horas no edificio administrativo da Delegación da Xunta de Galicia en Campolongo.
Segundo fontes sindicais, o encerro realizábase de xeito independente á negociación do convenio colectivo, coa finalidade de reclamar unha reunión dos representantes do equipo co conselleiro de Industria, Francisco Conde, a quen demandan que esixa á empresa un plan de futuro para a factoría situada en Pontevedra. Non obstante, os traballadores abandonaron o edificio sen obter unha resposta.
Por segunda vez en quince días e con motivo deste conflito laboral, o departamento de comunicación impediu a entrada dos medios de comunicación que intentaban acceder ao edificio para cubrir a información do encerro dos traballadores de Trèves. Dende ese departamento de comunicación indicaban que era orde do Delegado da Xunta, José Manuel Cores Tourís, impedir o acceso ao edificio público aos xornalistas, mesmo sen gravadoras nin cámaras fotográficas, para evitar que este tipo de protestas se convirtan en habituais. No acceso á Delegación encontrábanse numerosos efectivos da Policía Nacional e os membros da empresa de seguridade que levan o control de entrada ao recinto, que evitaron o acceso aos profesionais dos diferentes medios de comunicación, non así aos traballadores que protagonizaban a protesta.
Relacionadas:
-
Acordo entre o persoal de Treves e a empresa para fixar o ERE de 2015
Por Redacción |
-
Tensa asemblea para aprobar o preacordo que remata coa folga en Treves
Por Redacción |
-
Os traballadores de Treves reclaman á Xunta que esixa á empresa máis carga de traballo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Folga en Treves, un piquete por quendas a pé de fábrica
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
O persoal de Treves inicia unha folga indefinida o mércores 24 ante a falta de acordo salarial
Por Anxo Lourido |