Os nenos de Ponte Caldelas e Poio asústanse e divírtense co Samaín
Por Redacción
A celebración do Samaín, tanto na súa versión galega como no seu lado máis anglosaxón, vólvese cada ano máis popular entre os pontevedreses, de modo que proliferan por toda a comarca. Son especialmente as concorridas e animadas as que están destinadas ao público infantil e, entre as localidades que se suman aos festexos, destacaron este ano Ponte Caldelas e Poio.
En Poio, a festa ía dirixida aos nenos que asisten á ludoteca das Escolas Deportivas. Celebrouse na tarde do venres e houbo disfraces, maquillaxe, cabazas elaboradas e xogos da busca de arañas para conseguir chuches. Como colofón, despois de moitos outros xogos, degustaron unha 'monstruosa' merendola e gozaron dun baile, segundo informou o departamento municipal de Ludodeporte.
En Ponte Caldelas, medio centenar de nenos da ludoteca municipal participaron o venres 31 nunha festa de zombies e unha merenda especial na que abundaron as sobremesas con decoración sanguinolenta a base de marmelada de amorodo e outros compoñentes avermellados.
As monitoras do centro prepararon diversos escenarios compostos polo laboratorio do doutor Frankenstain, un cemiterio, unha sala de fantasmas e outros decorados propios das películas de terror. Con luces tenues, os nenos ían entrando por grupos nas diferentes zonas onde ían escoitando as historias de medo que lles ían contando as educadoras ata ser interrompidas pola irrupción dun zombie que con enormes berros e alaridos perseguía os nenos por todo o recinto.