Deteñen un habilidoso caco que roubaba no interior dos coches sen causar danos
Por Oskar Viéitez
Abría as portas dos coches aparcados na rúa sen causar ningún tipo de danos, de feito algunhas das súas vítimas nin sequera souberon que sufriran un roubo ata que os axentes da Garda Civil os informaron tras a detención deste habilidoso caco.
Axentes da Comandancia de Pontevedra detiveron na tarde do pasado día 30 de outubro a D.A.G.M., de 28 anos de idade e veciño de Poio, como suposto autor de varios delitos de roubo en interior de vehículos estacionados nas vías públicas do referido municipio e no de Pontevedra.
Segundo informan fontes oficiais da Garda Civil, no momento da detención incautóuselle unha cafeteira na súa embalaxe orixinal e factura doutra persoa que, unha vez localizada, acreditou a súa propiedade, que non se decatara da súa falta e de que o seu coche tivese sido aberto por alguén.
Sobre esta persoa, de nacionalidade colombiana, está ditada unha orde de expulsión de España
Os axentes levaron a cabo un rexistro domiciliario incautando diversos efectos, supostamente, procedentes de ilícitos cometidos por D.A.G.M.. Sobre esta persoa, de nacionalidade colombiana, está ditada unha orde de expulsión de España. O detido, ao que lle figuran antecedentes policiais, xunto coas dilixencias instruídas e os efectos intervidos, foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número dous de Pontevedra, quedando en liberdade con cargos.
A investigación continúa aberta polo que non se descarta que, ademais dos catro roubos esclarecidos, se lle poidan imputar máis feitos delituosos da mesma índole.