Distinguen a David Abollo, axente da Policía Local, coa Medalla ao Mérito por un rescate no Lérez
Por Redacción
David Abollo Rodríguez é un axente da Policía Local de Pontevedra que, o pasado 22 de novembro, non dubidou en botarse ao río Lérez para rescatar unha persoa que se precipitara dende a ponte da Barca.
Arriscou a súa vida para salvar a doutro e ese acto heroico é unha mostra, segundo a Xunta de Galicia, do gran labor que realizan os corpos policiais municipais, os axentes máis próximos aos cidadáns.
Así o destacou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que foi o encargado de entregar a este axente a Medalla ao Mérito da Policía Local, que se lle concedeu en xuño.
Foi no transcurso dun acto celebrado na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (A Estrada), onde tamén foron recoñecidos de forma colectiva os axentes da Policía Local de Santiago de Compostela, polo seu traballo durante o accidente de Angrois.
No caso do axente pontevedrés, esta distinción entrégaselle, segundo o goberno galego, pola súa intervención nun acto de servizo, "sendo de destacar o seu compromiso de servizo, calidade inherente ao ideal de servizo público e predicable dun bo policía".
Este axente xa foi recoñecido o pasado mes de maio pola propia Policía Local de Pontevedra.