Persisten os problemas de humidades na Biblioteca Municipal de Marín
Por Redacción
O BNG de Marín denuncia o mal estado do edificio da Biblioteca Pública Municipal este luns comprobaron como parte do teito da sala do telecentro situado na primeira planta do edificio xa se desploumou, "e as humidades ameazan con afectar a totalidade do teito", informa a voceira nacionalista, Pilar Blanco.
"Precisamente hai agora un ano o goberno local pechaba a Biblioteca ao público baixo o anuncio dunha reforma que liquidaría as humidades do edificio, e que implicaría a limpeza de canalóns, e a reposición de tellas na cuberta. O resultado está a vista, as filtracións son maiores agora que antes das obras, e non só afectan ao teito do edificio senón tamén as paredes da planta baixa co conseguinte perigo para a colección de libros da biblioteca", engade a edil nacionalista.
As obras contaron cunha subvención da Consellaría de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, e polo tanto o BNG solicitará explicacións sobre a quen foron adxudicadas as obras, quen as dirixiu e como foron xustificadas, xa que se trata do gasto de miles de euros de cartos públicos "e a todas luces as obras non cumpriron o obxectivo que as concelleiras de Cultura e Educación do goberno do PP anunciaron no seu día".