Ultiman as obras da baixada a Aguete, nas que se investiron 70.000 euros
Por Redacción
A empresa Tragsa está a realizar nos últimos días os retoques finais ás obras da baixada a Aguete. Trátase dunha actuación pretende que mellorar a accesibilidade na zona e xerar neste espazo unha zona de esparexemento cos servizos necesarios de apoio a esta praia marinense.
As obras estanse a acometer en virtude dunha subvención do Grupo de Acción Costeira e a pesar das chuvias, que nas últimas semanas atrasaron a súa execución, están practicamente rematadas no calendario previsto.
En concreto, instaláronse uns baños e renováronse as condicións de saneamento, recollida de pluviais e instalacións eléctricas. Ademais, axeitouse a zona de mesas e bancos e intentouse que a pendente fose menor e máis descansada, para poder ser utilizada para chegar a esa zona da praia.
Para o final destes traballos deixouse a consolidación da terra, as plantacións que se fixeron de herba, sebes e céspede e a colocación de iluminación que mellora considerablemente este acceso.
O investimento ascende a uns 70.000 euros, dos cales, salvo o IVE, asume a Consellería do Medio Rural e do Mar.