A Xunta ordena demoler a ponte Valbón en Perdecanai
Por Oskar Viéitez
Por orde da Xunta de Galicia o Concello de Barro terá que demoler a ponte de Valbón, sobre o río Areal, en Perdecanai.
Despois de sete anos de tramitación, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), resolve que o viaduto é incompatible co ordenamento urbanístico en vigor ao estar construido sobre terreos considerados como chan rústico. Nin sequera unha modificación puntual do Plan Xeral para recualificar estes terreos resolvería a situación.
A APLU entende que esta infraestrutura non é legalizable e desestimou os recursos presentado polo Concello.
A ponte que dá acceso á zona de Valbón está situada no lugar de San Antoniño, próxima ao tanatorio de Barro, e foi construída polo Concello sen ningún tipo de tramitación. Tivo un custo de construción de máis de 90.000 euros, empregando fondos do Plan Provincial da Deputación, e edificouse sobre unha parcela adquirida a un particular.
Entre outros argumentos, o goberno local de Barro alegou que o expediente xa caducara pois a última certificación de pagamento á empresa construtora ten máis de seis anos. Non obstante, o ente autonómico apóiase no informe dun dos seus inspectores do Servizo de Urbanismo que reflicte con fotografías como no momento de incoar o expediente a ponte estaba sen rematar.