Os traballadores de Linorsa decidirán este venres se inician unha folga de limpeza nos centros de saúde
Por Redacción
Dúas asembleas dos traballadores da empresa de limpeza Linorsa que se desenvolverán este venres 21 pola mañá e pola tarde serán decisivas para coñecer se o plantel inicia unha folga no servizo de limpeza que se realiza nos centros de saúde durante os próximos días.
Dende o sindicato CIG entenden que o paro, aínda por decidir se sería indefinida ou limitada a uns días, é a medida necesaria para que a administración anule a concesión con esta empresa que debe a metade do salario do mes de outubro, ademais de anunciar que tamén se deberá a metade da de novembro e a de decembro, á marxe de que non percibirán a paga extra.
A decisión adóptase porque dende a administración autonómica comunicaron ao sindicato nacionalista que mentres non se vexa afectado o servizo non se pode rescindir a concesión aínda que a empresa non pague os traballadores.
CLEANET
As traballadoras da limpeza da Brilat e da Escola Naval de Marín pertencentes á empresa Cleanet suman máis de medio ano cobrando as nóminas con atraso. Por este motivo, dende o sindicato nacionalista levarán a cabo concentracións o xoves 27 ás 10.00 horas ante o Cuartel da Brilat en Figueirido e a partir das 11.00 horas ante a porta da Escola Naval de Marín. Con estas concentracións queren mostrar a súa oposición ao acordo entre a empresa e o Ministerio de Defensa para establecer prazos nos próximos meses para cobrar os atrasos.
Por outra parte, a CIG tamén sinalou que o luns 24 manterán unha reunión en Valladolid con responsables da concesión da prórroga do servizo de cafetaría das instalacións da Brilat en Figueirido. Dende o sindicato nacionalista reclaman que se rexeite esta prórroga cando finalice, o 31 de decembro de 2014, á actual concesión a Eshovet Po-Ca do empresario José Luis Espinar Galán, imputado por un presunto delito de represión sindical e reclaman que se abra un novo concurso no que brille a transparencia, segundo manifestou Diana Rodríguez, responsable da Federación de Servizos da CIG.
A actual empresa encargada deste servizo conta cunha denuncia presentada pola CIG ante Fiscalía por vulnerar os dereitos que sofren as traballadoras afiliadas ao sindicato nesas instalacións.