Decembro, mes clave para as obras de Santa Clara, Blanco Porto e o barrio de San Antoniño
Por Alejandro Espiño
As obras de reforma urbana que impulsa o grupo municipal socialista finalizarán, salvo imprevistos, o próximo mes de decembro. Así o asegurou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro. O goberno municipal espera que os traballos en Blanco Porto, Santa Clara, Víctor Cervera Mercadillo e Álvarez Limeses, salvo pequenos remates sen maior transcendencia, conclúan a tempo para o Nadal.
A primeira en facelo será Blanco Porto. Antón Louro afirmou que a rúa está "practicamente rematada". Só quedaría colocar os novos farois e pintar a calzada, algo que é cuestión de días. Os últimos traballos incluíron o asfaltado de todo o vial, tamén do primeiro tramo xa executado a principios deste ano para mellorar o resultado final. O edil socialista reiterou que esta última cuestión correu a cargo da empresa porque a obra "estaba en garantía".
As obras no barrio de San Antoniño "marchan axeitadamente" e o goberno municipal espera que estean finalizadas en "dez ou quince días". A vontade do PSdeG-PSOE é continuar con este tipo de actuacións nunha zona da cidade "moi poboada" e que presenta un nivel de deterioración "considerable". Neste sentido, este "novo aire" ao barrio incluirá a reforma da rúa Lepanto en 2015.
E con respecto a Santa Clara, Antón Louro recoñeceu que os achados arqueolóxicos trastornaron os plans iniciais do Concello de Pontevedra. Tras a conclusión destes traballos e a protección dos vestixios cunha lámina xeotéxtil, retomaranse as obras de reforma da rúa. Intentarase que estean listas antes de rematar o ano, a pesar do parón vacacional no sector da construción, que terá lugar entre o 19 de decembro e o 7 de xaneiro.
En todo caso, o concelleiro de Urbanismo afirmou estar satisfeito "por facer o que había que facer" coas escavacións. Explicou que se descubriu un tramo de 30 metros do Camiño Vello de Castela e apareceron os piares da porta de Santa Clara ou Rocha Forte, situada dez metros máis ao oeste do que se pensaba. A "última sorpresa" foi a aparición nunha beirarrúa lindante dunha sección dos piares da coñecida como fonte de Santa Clara.
INFORME NEGATIVO NA RÿA ADUANA
A Comisión de Urbanismo tratou ademais dunha consulta urbanística relativa á rúa Aduana, situada por detrás da antiga delegación de Facenda. Uns promotores presentaron un estudo detallado para edificar en dous soares de 170 e 121 metros cadrados e ceder ao Concello outros 138 metros cadrados. A oficina técnica de arquitectura informou negativamente sobre o proxecto, ao non se adaptar ao Peprica.
Entre outras cuestións, os propietarios néganse a habilitar unha escaleira que salve o desnivel existente actualmente entre Aduana e Padre Sobreira, como quere o Concello de Pontevedra. Entenden que unha actuación así afectaría á edificabilidade destas parcelas. O goberno municipal espera poder contactar con eles e chegar a un acordo que permita ordenar unha zona que, ao igual que a Horta do Cura, leva en trámites máis de dez anos.