A mellor gastronomía de Sanxenxo, a golpe de 18 euros durante un mes
Por Redacción
Todas aquelas persoas que desexen gozar da gastronomía local de Sanxenxo poderán entre o 15 de decembro e o 15 de xaneiro en once restaurantes do municipio facelo por un prezo fixado en 18 euros a través do programa 'Sanxenxo, sabor de inverno'.
Os restaurantes Ollares da Ría, a Taberna Arca, o restaurante El Rincón de Roberto, A Fonte Vella, A Casa Vella de Miro Pereira, a pulpería Cova de Ons, o Mesón Fontán, a Cafetaría Castelao, o Restaurante Fidel, o Mesón Xerfa e o Augusta Spa Resort ofrecerán menús elaborados con produtos propios da zona e da época. Son os establecementos que se sumaron á campaña promovida por Turismo de Sanxenxo, coa que busca facer deste destino turístico unha opción vacacional tamén en inverno.
"ÿ certo que Sanxenxo ten uns atractivos que o fan idóneo para gozar do lecer en verán, como son as súas magníficas praias, pero conta tamén con outros moitos atractivos que debemos potenciar na procura da desestacionalización", comentou a concelleira de Turismo, Almudena Aguín.
A concelleira apunta á gastronomía como un dos puntos fortes deste destino, "tanto pola calidade do produto como pola experiencia e profesionalidade dos empresarios do sector".
Haberá descontos en cinco hoteis onde os visitantes poderán aloxarse a partir de 35 euros
Esta oferta estará complementada ademais por descontos en cinco hoteis onde os visitantes poderán aloxarse a partir de 35 euros, dirixíndose á Oficina de Turismo. Iso si, para iso será imprescindible participar en 'Sanxenxo, sabor de inverno' degustando algunha das opcións dispoñibles.
Almudena Aguín apuntou así mesmo que dende Turismo de Sanxenxo distribuirán carteis identificativos aos establecementos participantes na campaña, que incluirán un código QR para que os interesados poidan descargarse a información e o mapa de localización.