Licitan as obras da variante de Rebón (Moraña), na que se investirá máis dun millón de euros
Por Redacción
Un total de 1.027.000 euros investirá a Deputación de Pontevedra na construción da denominada variante de Rebón, coa que se mellorará os accesos ao santuario dos Miragres de Amil (Moraña). O orzamento de licitación dos traballos ascende a 827.841,12 euros, aos que hai que sumar o importe das expropiacións, dado que se trata dun trazado completamente novo e que afecta a 68 parcelas, entre elas varias parras e peches de fincas.
Tal e como indicou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, os traballos permitirán, por unha banda, mellorar a seguridade viaria da estrada EP 0503 e, pola outra, "salvar dous elementos catalogados por Patrimonio e que están encima mesmo da estrada provincial".
Trátase da capela e o Pazo de San Roque, situados un a cada lado da estrada, o que, unido á presenza de numerosas vivendas a carón da vía, facía imposible anchear a estrada co trazado actual.
O obxectivo é mellorar considerablemente esta estrada, que ten unha notable intensidade de tráfico e presenta un trazado moi sinuoso e bastante estreito, sen marxes nin beiravías para o tránsito peonil en boa parte do actual trazado.
Desta forma, a modificación do trazado non só permitirá eliminar curvas (que quedarán reducidas a tres) e anchear considerablemente a calzada, senón que tamén se crearán beiravías que permitan o paso dos veciños e melloren a seguridade viaria.
O resultado final será unha estrada de nove metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros cada un e beiravías pavimentadas de un metro en ambas as dúas marxes. O novo trazado pasa sobre a canle dun regato, que se salvará coa construción dun viaduto de 15 metros de luz.
MELLORA DUNHA CURVA EN AMIL
Ademais, o presidente da Deputación anunciou tamén a próxima mellora dunha curva na estrada de acceso aos Miragres de Amil desde a Espedregueira. Este vial xa fora mellorado por medio de acordos cos propietarios dos terreos afectados, pero quedaba unha curva onde non se acadara acordo, situada practicamente enfronte do Santuario e que requirirá do traslado dun hórreo e un muro tradicional, así como un alpendre.
Estes traballos suporán un investimento de 280.000 euros e permitirán eliminar este punto perigoso no contorno dun dos santuarios máis visitados da provincia.
Relacionadas:
-
Novo proxecto de reforma integral da estrada de Rebón en Moraña
Por Oskar Viéitez |
-
Resolven contratos para obras en Moraña e Vilanova por "ilegalidades" do goberno de Louzán
Por Redacción |
-
19 empresas presentan ofertas para a construción da Variante de Rebón, en Moraña
Por Redacción |
-
Un paso soterrado en Luis Rocafort e un novo vial, propostas contra os atoamentos en Sanxenxo
Por Redacción |