Unha colaboración entre veciños e o Concello de Marín permite arranxar un camiño en Pastoriza
Por Redacción
Un traballo conxunto entre o Concello de Marín e os propios veciños da zona de Pastoriza, pertencente á parroquia de Ardán, permitiu recuperar o bo estado dun dos principais camiños deste núcleo do rural marinense.
Foi unha actuación solicitada polos habitantes de Pastoriza, que se puxeron a disposición do goberno municipal para colaborar na execución destes traballos.
Trátase dun camiño que foi pavimentado con mallazo e formigón. Ten unha superficie próxima aos 600 metros cadrados.
O Concello achegou o material e os veciños colaboraron coa man de obra.
Ambas as dúas partes expresaron a súa satisfacción pola execución destes traballos, xa que o camiño tiña moita pendente e se facía moi complexo pasar por el.
Dende o goberno municipal destacan que os habitantes de Pastoriza son un "exemplo veciñal" e gaban que prestasen o seu tempo e a súa habilidade "en beneficio de todos os que alí viven, fomentando se cabe os lazos entre eles", conseguindo pequenas melloras nas súas condicións de vida.