Ence di que pagou 2,3 millóns de euros en concepto de canon de saneamento nos últimos tres anos
Por Redacción
Ence emitiu este sábado un comunicado no que asegura que aboou en 2013 un total de 845.563 euros en concepto de canon de saneamento a Augas de Galicia. O importe aboado nos tres últimos exercicios pechados (período 2011-2013) ascendeu a 2,3 millóns de euros.
Neste escrito Ence Pontevedra lembra que dispón da súa propia presa para a captación de auga no río Lérez á altura de Bora. Dispón, ademais, do seu propio sistema de canalización de auga ata o seu Centro de Operacións de Lourizán. Unha vez a auga chega á fábrica de Pontevedra, realízaselle un primeiro proceso de filtrado e depuración para poder empregala no proceso de cocción de madeira para a extracción da celulosa.
"O líquido elemento reutilízase tantas veces como resulta posible e, á fin, é depurado na planta de tratamento de efluentes de Ence". A compañía, indica que "loxicamente, asumiu todos os investimentos para a construción destas instalacións e asume todos os gastos de mantemento", é dicir, a presa de captación, canalización, depuración, entre outros.
"Ademais, e de acordo á normativa vixente, Ence paga un canon de saneamento que en 2013 ascendeu aos 845.563 euros", sinala.
O escrito remata dicindo que o Centro de Operacións de Ence en Lourizán consume hoxe un 43% menos de auga que hai 25 anos. "E iso que, dende entón, o volume de produción de pasta de celulosa totalmente libre de cloro na fábrica galega de Ence se incrementou notablemente. En 1989, en Ence extraíanse e preparaban para exportación unhas 500 toneladas diarias de celulosa de madeira. A produción rolda hoxe as 1.250 toneladas ao día".
Relacionadas:
-
O Estado inclúe "posibles incumprimentos na redución da toxicidade" no expediente de caducidade de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Louro considera "unha burla" que Feijóo antepoña o saneamento das rías de Vigo, Arousa, Ferrol e O Burgo
Por Redacción |
-
O Concello celebra que Bruxelas "tome cartas no asunto" pola deficiente depuración de augas da Ría
Por Redacción |