Restriccións de tráfico e aparcamento durante a cabalgata de Reis en Pontevedra
Por Redacción
A Policía Local deseñou, como vén sendo habitual neste tipo de eventos, un operativo especial de tráfico con motivo da cabalgata de Reis que se celebrará este luns 5 de xaneiro. Sairá ás 18.00 horas da rúa Loureiro Crespo e percorrerá posteriormente Benito Corbal, Peregrina, Michelena, Praza de España e Alameda. Pero as restricións de aparcadoiro e circulación comezarán xa horas antes.
A rúa Xosé Malvar, onde se concentrarán as carrozas antes da saída, quedará cortada a partir das catro e media da tarde. Unha hora despois farase o propio co resto das zonas polas que pasará a cabalgata, aínda que a Policía Local advirte que podería adiantarse dependendo da afluencia de público ou das necesidades da organización. Tamén se cortará Echegaray, lugar polo que os participantes sairán da cidade.
Este último peche provocará, puntualmente, un corte de tráfico na rúa Alameda. Os coches que desexen abandonar a cidade deberán facelo a través da Ponte das Correntes.
Con respecto aos estacionamentos, dende as nove da mañá prohibirase aparcar en Xosé Malvar, mentres que dende as doce a limitación se estende a Loureiro Crespo e Benito Corbal e dende as tres da tarde a Echegaray.
Os vehículos estacionados con antelación á colocación dos valos coa advertencia da data e a hora destas prohibicións, que se completou o pasado venres, serán trasladados a outro lugar. Pero os que o fixese con posterioridade serán denunciados e retirados co guindastre municipal e serán sancionados coa multa correspondente.
Ante todas estas restricións, a Policía Local recomienza a entrada á cidade por Loureiro Crespo e Xoan Carlos I, a utilización dos aparcadoiros disuasorios -ningún deles está afectado pola cabalgata-, evitar a circulación polo centro entre as 17.00 e as 21.00 horas e, se é obrigatorio, informan de que a mellor alternativa para cruzar Pontevedra dun lado a outro é utilizar a autoestrada AP-9 como circunvalación.