Os pontevedreses gastamos catro veces menos na lotaría do Neno que na de Nadal
Por Redacción
Cada pontevedrés gastará tan só unha media de 13,06 euros no Sorteo Extraordinario do Neno 2015, que se celebrará o próximo martes 6 de xaneiro. Trátase dunha cantidade que está moi afastada dos máis de 51 euros que nos gastamos por persoa para o sorteo de Nadal. ÿ a estimación que realizou Loterías y Apuestas del Estado en función dos billetes que se consignaron na provincia de Pontevedra.
En concreto, a Pontevedra destináronse 62.346 billetes de lotaría por un valor de 12.490.220 euros. Estes datos sitúan á provincia como a segunda de Galicia na que máis lotaría se xoga para este sorteo, tras A Coruña, que supera os 17 millóns de euros. Pero no gasto por habitante tamén nos supera Lugo, onde se alcanzan os 16,66 euros por persoa, o máis alto de toda a comunidade.
O Sorteo do Neno repartirá o próximo 6 de xaneiro 560 millóns de euros, a mesma cifra que na edición anterior, que supoñerán o 70 por cento da emisión, un total de 800 millóns de euros, segundo informa a Sociedade Estatal de Loterías y Apuestas del Estado.
Así, o primeiro premio repartirá 80 millóns de euros (dous millóns de euros por serie), o segundo será de 30 millóns de euros (750.000 euros por serie) e o terceiro premio repartirá 10 millóns de euros (250.000 euros por serie). Esta edición non contará co premio "excepcional" de 40 millóns de euros a un décimo.
Ademais, haberá un total de 2.120 premios máis por serie respecto aos repartidos no último sorteo, pasando dos 35.800 premios que se repartiron na edición de 2014 ata os 37.920 que haberá en 2015. O sorteo terá lugar ás 12.00 horas no Salón de Sorteos de LAE polo sistema de bombos múltiples.
O pasado ano, o primeiro premio, que recaeu no número 76254, foi vendido integramente en Monforte de Lemos (Lugo).