Os comuneiros de Santa Cristina de Cobres estudan dedicarse á cría de porco celta
Por Redacción
Os comuneiros de Santa Cristina de Cobres puxeron a súa mirada na cría de porco celta para intentar sacar rendemento aos seus terreos.
Esta comunidade de montes estuda poñer en marcha un proxecto piloto de cría desta raza autóctona, considerada de protección especial, polo que convocou os seus afiliados a unha charla informativa o próximo xoves 15 de xaneiro.
Esa reunión estará dirixida por José Antonio Carril, coordinador xeral da Asociación de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL).
O proxecto baséase no aproveitamento da cría en extensivo destes animais como axuda aos traballos de mantemento do monte, pois a súa presenza evita o crecemento de matogueira.
A directiva dos comuneiros de Cobres propoñerá á asemblea xeral da asociación habilitar parte do Monte do Cabalo para a experiencia piloto, na que se reunirían entre 50 e 60 animais con 10 hectáreas á súa disposición e un arboredo no que predominan os castiñeiros.
O sistema que se implantaría estaría totalmente automatizado para que os porcos puidesen pastar libremente polo monte durante o día e a unha hora determinada regresasen a un recinto pechado no que estarían controlados mediante cámaras de vixilancia.
Esta instalación sería portátil, o que permitiría cada certo tempo cambiar a súa situación para non esgotar os recursos do terreo.
Relacionadas:
-
Os comuneiros de Cobres avanzan nos traballos de limpeza e ordenación no monte de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Os comuneiros queren rescatar aos veciños en situación de emerxencia social
Por Oskar Viéitez |
-
Convocan un concurso de ideas para rehabilitar a antiga Reitoral de Santa Cristina de Cobres
Por Redacción |
-
Os comuneiros de Santa Cristina de Cobres preparan un plan de mellora das súas pistas forestais
Por Redacción |