Un total de 203 traballadores do CHOP denuncian ante o Xulgado ao equipo directivo
Por Oskar Viéitez
Un total de 203 traballadores sanitarios non facultativos do Complexo Hospitalario de Pontevedra asinan unha denuncia contra a dirección do CHOP, agora denominado Estrutura de Xestión Integrada Pontevedra, polos delitos de desobediencia, contra os dereitos dos traballadores, de estafa procesual e de falsificación de documento público.
Concretamente o escrito presentado ante o xulgado de Pontevedra vai dirixido contra o xerente, José Manuel Gonzalez Álvarez; o director de Recursos Humanos, José Ignacio Lema Piñeiro; a subdirectora de Recursos Humanos, Ana Comesaña Álvarez; o director de Procesos asistenciais, José Antonio Ortigueira Espinosa; a directora de Procesos de enfermaría, Isabel Pérez García; as subdirectoras de Procesos asistenciais, Beatriz Cabanelas González, Dolores Otero Alarcón e Ana Maria Conde Penelas; a xefa de Servizo, Concepción Caramés Lopez e a supervisora, Mar Piñeiro Lores.
Esta nutrida representación do persoal sanitario que prestan servizo no Hospital Montecelo e no Provincial, sinalan que "se están a incumprir de xeito reiterado e consciente diversas sentenzas" que establecen non só o modo e xeito en que ten que fixarse a xornada máxima anual do devandito persoal senón tamén establecen o dereito dos traballadores a gozar dos días de libre elección (libre disposición ou LD) sen ter que recuperalos con posterioridade.
Na práctica o persoal que presta os seus servizos co réxime de quendas, se solicitan un día de libre disposición que coincida un día que non é de descanso, vense obrigados a recuperalo, co que na práctica, se lle está a denegar de forma inxustificada o dereito que as leis lle outorgan, obrigándoos a traballar máis horas das que lles corresponden, negándolles un dereito recoñecido.
Coa lei e as sentenzas da súa parte, os traballadores que agora denuncian "viron conculcado o seu dereito sistematicamente pola dirección" do EOXI Pontevedra, a cal, "obedecendo non se sabe a que intereses", non é que non puxese nada da súa parte para cumprir as sentenzas, se non que "sistematicamente se opuxo ao seu cumprimento".
Na denuncia recóllese que "por parte das persoas denunciadas ou a través de ordes súas", aos traballadores a quendas se lles obrigaba, ou ben a gozar os días de libre disposición cando tiñan descanso, ou ben a "recuperar" as horas gozadas nos días de libre disposición, deixando baleiro de contido o dereito a gozalos, provocando, ademais, un agravio comparativo cos traballadores que non realizaban a súa xornada a quendas, xa os que sufrían a turnicidade, traballaban en computo horario, máis xornadas que os que non tiñan quendas. Este é un feito que xa quedou acreditado en diversas sentenzas.
A pesar das sentenzas, o equipo directivo denunciado continuou actuando do mesmo xeito que viña facéndoo, "cunha falta de respecto á sentenza que mostra o seu total desprezo ás resolucións do poder xudicial". Para iso, a denuncia asegura que os denunciados incorreron nos delitos de de estafa procesual e de falsificación de documento público.
Ademais sinalan que o Sergas "nada fixo, unha vez máis, o que motiva a presentación da presente denuncia".
Relacionadas:
-
CC.OO denuncia "graves problemas" de funcionamento nos servizos de radioloxía do CHOP
Por Redacción |
-
O Xulgado dá a razón o Chop na execución de sentenzas sobre as reclamacións por días de libre disposición
Por Oskar Viéitez |
-
A dirección do CHOP asegura que está a cumprir "rigurosamente " as sentenzas xudiciais
Por Oskar Viéitez |
-
"Temos que paralos, se teñen éxito en Vigo, despois privatizarán en Pontevedra"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Condenan o Sergas a devolver os 'moscosos' dos últimos cinco anos a un grupo de traballadores do CHOP
Por Oskar Viéitez |